Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/07/2018 | Actualizada ás 22:48
O leite das mulleres galegas é similar ao do resto de europeas, pero contén "algunhas características particulares relacionadas coa dieta atlántica". Así o conclúe un estudo feito polo Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), publicado na revista científica Prostaglandins, Leukotrienes & Essential Fatty Acids, co título 'Fatty acid composition of breast milk in Galicia (NW Spain): a cross-country comparison'.
Os resultados da investigación demostran que aínda que o leite das galegas é "similar ao resto de Europa", presenta "algunhas características particulares relacionadas coa dieta atlántica do sur de Europa", na que os científicos destacan como fundamentales nesta singularidade a inclusión de lácteos, porco, carne de res e aceite de xirasol e de oliva. Unha dieta que causa que o leite materno en Galicia mostre "niveis relativamente altos de ácido linoleico e menor de ácido αlfa-linolénico, máis propios dun estilo de comida mediterránea que dunha dieta típica do norte" (o ácido linoleico é un ácido graxo esencial da série omega 6, é dicir, o organismo non pode crealo e ten que ser adquirido a través da dieta; o ácido α-linolénico é un ácido graxo poliinsaturado esencial da serie omega-3 e é un compoñente de moitos aceites vexetais comúns e é importante para a nutrición humana).
En xeral, os científicos teñen comprobado que os perfís de ácidos graxos no leite materno foron bastante similares en todo o mundo, coa clara excepción do leite materno das asiáticas.
Como evidencian os autores desta investigación, a inxesta de aceites, carne e peixe reflíctese claramente na composición de ácidos graxos do leite materno e a dieta confire unha pegada clara e distinguible na graxa deste fluído biolóxico.
Baseándose na premisa de que a composición de ácidos graxos do leite humano se pode alterar substancialmente coa dieta, os autores deste estudo investigaron o perfil de ácidos graxos do leite materno en Galicia e acharon algunhas singularidades. Para o estudo, realizaron tamén unha comparación entre países para avaliar o impacto da variedade e a dieta en distintas zonas, revisando os perfís informados de varios países de Europa, América do Norte, América do Sur, Asia, África e Australia.
As 622 mostras de leite analizadas foron doadas por dezaseis mulleres lactantes, de 26 a 35 anos de idade, e foron recollidas entre un e cinco meses despois do parto. Ademais, realizouse unha entrevista persoal a cada participante.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.