Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2018 | Actualizada ás 13:06
O ex-ministro de Fomento, José Blanco, pediu que "aqueles que invocan ao coñecemento da verdade non sosteñan informacións que non están contrastadas ou verificadas" para relacionar a súa xestión co accidente do tren Alvia que en xullo de 2013 deixou 80 mortos e un centenar de feridos nos arredores de Santiago.
"Aínda ninguén sinalou unha decisión que eu tomase en relación coa posta en servizo desta liña", expresou este domingo o eurodeputado socialista nunha entrevista na Cadena Ser na que Blanco se referiu á comisión de investigación sobre o sinistro de Angrois, que botou a andar esta semana no Congreso dos Deputados.
Alí, durante a súa comparecencia, o presidente da plataforma de vítimas do accidente, Jesús Domínguez, asegurou que existiron présas por parte de Blanco para inaugurar o tren en decembro de 2011 antes de abandonar a súa carteira como ministro de Fomento logo da vitoria electoral do PP e a chegada de Mariano Rajoy a Moncloa.
José Blanco, que comparecerá na comisión no outono, incidiu en que as afirmacións que relacionan a súa xestión co sinistro deben estar sustentadas en "informacións contrastadas" e defende que "ninguén" puido sinalar "unha decisión" súa á fronte de Fomento para relacionar a súa xestión coa posta en marcha da liña entre Santiago e Ourense, na que se produciu o accidente.
"RAJOY E FEIJÓO TEÑEN AMNESIA"
Por outra banda, tamén disparou contra o ex-presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e o xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, aos que acusou de ter "amnesia" por culpalo dos atrasos na chegada da AVE a Galicia.
"Rajoy e Feijóo teñen amnesia. As obras da AVE estiveron paralizadas, non se executaron os orzamentos nin no ano 2014, 15, 16 ou 17 en relación con esta infraestrutura. Se se executase a alta velocidade, hoxe xa sería unha realidade en Galicia", incidiu.
Deste xeito, na liña dos exposto polo actual ministro de Fomento, José Luís Ábalos, Blanco quere distinguir entre o momento de conclusión das obras e a entrada en funcionamento da liña, xa que, como expresou, o paso definitivo para conectar Galicia coa meseta debe realizarse após un proceso de probas na liña de "priorizar" a seguridade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.