Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/07/2018 | Actualizada ás 10:00
A Fundación Unicap, constituída hai un ano co obxectivo de dar resposta dunha maneira eficaz e real a unha educación inclusiva e social, comezou este mes de xuño un sofisticado proxecto no ámbito sanitario denominado "Hilando Vidas". O seu obxectivo é chegar a mellorar nos hospitais da Coruña, tanto públicos como privados, as pautas adecuadas na mellora da comunicación na denominada "primeira noticia".
"Asesorar, coidar, informar e acompañar os pais no momento que se lles comunica que o fillo que acaba de nacer, tivo morte perinatal ou nace en situación de vulnerabilidade" forma parte do traballo do profesional. "É moi dura esta situación - sinala a Presidenta da Fundación Unicap, Mónica Estacio - en case a totalidade destes casos, e os profesionais sanitarios tratan un tema tan importante dunha maneira pouco coidada, fundamentalmente porque non senten formados, preparados nin actualizados ante a conmoción de ter que dar unha noticia crítica ou diferente". Por iso mesmo, esta fundación reclama formación adecuada para o servizo de persoal.
"A fin é poder chegar a implantar nos hospitais da Coruña unha formación de calidade, tendo en conta o rol do persoal sanitario, pero dándolle á familia o espazo que merece para entender que poden necesitar", aseguran dende a fundación. E é que as primeiras horas de vida son cruciais para que pais e nais poidan estar a soas despois de tantos meses de espera, con tranquilidade. Pero con todo, "quítaselles ese dereito ao ter unha discapacidade priorizando medidas que non son urxentes respecto ao diagnóstico", critica a fundación.
Para Unicap "existen tantas realidades como persoas". Afrontar a maternidade e
paternidade en casos difíciles vén acompañado de múltiples emocións, e por iso "hai que traballar duro, para conseguir crear os procedementos adecuados para lograr dar a noticia, baixo as condicións máis adecuadas". O proxecto contempla "a transformación da mirada", aceptar e afrontar, promover que "os novos pais obteñan palabras de alento, amor e empatía, ademais de obter unha correcta información por parte do profesional sanitario", din.
Así pois, as súas liñas de actuación pasan por tres eixos: elaborar documentación e material, rigoroso e concreto, sobre as situacións a ter en conta por parte dos equipos profesionais da saúde, ante a vulnerabilidade que implican certas circunstancias no momento do parto como prematuridade, Síndrome de Down, enfermidades raras, perda prenatal, perinatal ou postnatal... Por outra banda, planificar xornadas de formación e sensibilización e tamén elaborar un protocolo específico de acordo a cada situación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.