O futuro xa non é o que era. Carta dende España no ano 2050

1. Neste país, do primeiro que te decatas nas rúas é que apenas hai xente con defectos físicos, con dentes de coello, forellóns ou birollos, senón bós tipos, especialmente mulleres; e ningún rapaz con síndrome de Down. Asemade, abondan os robots, a xente enhanced e os cyborgs. As persoas viven tecnolóxicamente e moi afastadas da realidade física. En lugar de con cousas materiais, viven manexando “datos” desconectados da esencia das cousas (Flusser; Han, En el Enjambre, 2017).

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 18/07/2018

Comparte esta noticia
Coas propias mans, pódese facer poucas cousas. As máquinas fan a maioría (os coches autónomos xa son historia), e mellor que as persoas. Os homes perderon moitas capacidades por mor de non faceren as cousas por si mesmos, deixándollas aos expertos ou ás máquinas, desde predecir o tempo ata cambiar unha roda pinchada. E respecto da saúde, se non abonda coas indicacións fornecidas polo móbil, consultan todo aos médicos.
 
Chesterton escribira no final de Herejes (1905): “a grande marcha da destrución mental continuará [...] Prenderánse fogueiras para probar que dúas e dúas son catro e desenvainaránse as espadas para probar que as follas no verán son verdes”. En España, xa hai ben medio século de eso. Como o sentido común implica experiencia da natureza humana, realismo e capacidade de xuzgar, os españois terminaron por non o ter; o tempo do “sentidiño” xa pasou. Os dispositivos electrónicos, orixinalmente destinados a conectarnos, illaron á xente, e despois de afastar ás persoas unhas de outras, agora afastan ás persoas da realidade física. A tecnoloxización universal fixo á xente perder moitas habilidades (Fitzpatrick, “Age of the Android”, Crisis, 4-I-2018).
 
Vivir, en 2050, é pasar unha secuencia de situacións previstas en protocolos oficiais. Nada é espontáneo. Nada imprevisto acontece, nada que “probe a alma dos homes” (Paine). Diante dun problema serio, ninguén o resolve por sí mesmo senón acudindo a un traballador social ou consultando un protocolo oficial; ninguén pastorea o gando da familia (de feito, “gando da familia” é unha rareza). Cando os cidadáns teñen un problema, non esperan axuda dos amigos nin veciños senón dos funcionarios públicos, que axudaránlle pero impediránlles resolver as cousas por eles mesmos (por exemplo, non te deixarán sair dun atasco nunha autoestrada nevada). Ninguén menor de corenta ou cincuenta anos ten oído falar de responsabilidade das súas accións libres; ninguén tivo nunca que tomar por sí unha decisión seria, radical ou irrevogable, nin superar perigos graves. Nunca pasaron polas antigas e ordinarias adversidades que esculpían a personalidade.
 
As xentes, se non están capacitadas profesionalmente, non son quén de facer por si mesmos cousas ben simples, coma tratar doenzas comúns, sandar feridas de nenos ou educar fillos hiperactivos. Se acontece algo, chaman a un teléfono oficial gratuito. Se atopas un accidentado, non o leves ao hospital, porque infrinxirás unha chea de normas legais de transporte de feridos, e ademáis multarante por exceso de velocidade.
 
Cando xa vai alá medio século do novo milenio, nótase que só unha fracción dos españois medios foron concibidos nunha relación sexual ordinaria.  Poucos menores de cincuenta anos teñen lembranzas dunha nenez nunha familia estable, cos pais biolóxicos e algúns irmáns; aínda menos trataron cos seus avós, que hai corenta anos foran tan importantes cando foi das feras políticas anticrise. O desarraigo é a regra, tanto territorial coma persoal.  Como as árbores xenealóxicas fixéronse moi complicadas, resulta difícil dicir con precisión, por exemplo, que “nós, os Woosters, temos un código de honor dende as Cruzadas”, porque conforme pasan as décadas non hai unha liña clara de persoas autorecoñecidas como os populares Wooster do humoristaWodehouse. 
 
A partires de 2050, as relacións interpersoais dos españois, antes célebres polos seus fortes sentimentos, son febles, —sen excluír nais-fillos—, mesmo transferibles. Os loitos son agora máis curtos e máis maleables (Han). A amizade íntima é unha rareza, nin entre compañeiros de clase. Poucos matrimonios e parellas que coñezas empezaron cunha nova e romántica parella dicíndose algo así como “se me aceptas, protexereite coa miña vida”, como Nathaniel Turner á sua Cherry (The Birth of a Nation). Aqueles fortes compromisos persoais tipo “Alma, corazón y vida” desapareceron; por eso as relacións persoais fixéronse transferibles (a novas parellas, a novos fillastros) e finalmente borrables (dó por un pai, ou por un marido).  Esta xente maleable e sen raíces é, lóxicamente, máis controlable.
 
Outra curiosidade: hai moita xente sobrante. Para a provisión de bens e servizos nun país desindustrializado nos 2050 precísase pouca forza laboral. Hai persoas maiores a millóns, igual que desempregados novos (só un 20% da xente ten un traballo estable); agora dóciles, inmaturos e sen proxecto ambicioso de vida ningún. Os salarios sociais son o medio de vida para moitos. 
 
O desenvolvemento da personalidade é difícil. As visións comúns compartidas e o acordo fundamental, fora do politicamente correctos, son escasos. Rara vez atoparás xente non convencional; non hai excéntricos nin nas universidades. As grandes personalidades escasean porque non hai aquelas circunstancias vitais e aquelas adversidades nas que as personalidades froreceran. O self, orgullo de Occidente, desenvolvido a partires da Reforma e da Ilustración (Taylor, Fuentes del Yo, 1996), está irrecoñecible; ninguén ten self ainda tendo moitos selfies; adeus, self, adeus, Ilustración, home autónomo kantiano.
Non sendo barrios de inmigrantes recentes, poucos grupos de cativos como Guillerme de Crompton hai. Ningún adulto garda a experiencia dun par de pillabáns fuxindo dos gardas municipais despois dunha brincadeira. Penrod, o demo de rapaz, “pel do diaño” de Tarkington, non existe, e se existise estaría baixo supervisión terapéutica.
 
2.
Dicíate que agora a xente común vive as súas vidas como unha sucesión de etapas previamente reguladas, ás que un ten que adaptarse; do contrario sería un “desviado” tratado psiquiátricamente. Dése xeito, a liberdade real é escasa, aínda que cada catro anos pódase elexir entre una lista bloqueada e outra igualmente bloqueada. Como o desenvolvemento das súas vidas está pormenorizadamente protocolizado, as persoas non xeneran calidades brillantes. As antigas virtudes prudenciais, que gobernan a vida real, atrófianse. Como ninguén desenvolve o seu sentido común, ninguén confía en si mesmo, non sendo que teña un máster en Self Reliance. Os poderes públicos, os grandes medios e a industria do entretemento, configuran a mentalidade social. Ao controlar as verbas contrólase a linguaxe, e, xa que logo, o pensamento. A xente celebra o que se espera que se celebre: ás nais o Día da Nai, ás mulleres o Día da Muller, e así sucesivamente. Poucos son “capitáns das súas almas” (Whitman) e ainda menos entenden porqué habían de intentar selo. 
 
A vixiancia é universal: a todos e sempre —o que dis tomando unhas cervexas, cómo crías aos fillos, cómo baixas o teu colesterol—; e ninguén se queixa, porque a vixiancia faina non só o goberno senón o teu veciño (que te denunciaría se, por acaso, lle deras unha labazada ao cadelo); vixían os estudiantes aos profesores, os que empregan aos empregados; os empregados entre eles... Contrólase non só o que fas e dis —e, de aquí a pouco, o que desexas e pensas—; de feito, as túas decisións son, en parte, inducidas polo teu móbil. Lóxicamente, a capacidade da maioría da xente de eludir ese control, caso de o intentar, é feble. Por outra banda, dado que o Goberno, a UE e Google sábeno todo de tí, pouca necesidade hai de espiarte como antes. Coa internet das cousas, os nosos aparellos están a revelar seguido moita información sobre nós. A chea de big data sobre as nosas vidas aumentou a posibilidade primeiro de predecir e despois de condicionar a nosa conducta, nunha nova volta de parafuso ao control do que queda do noso self.
 
Todo o que se fai pode ser visto por todos. O profesor fala por video-conferencia aberta, o xuiz sentencia en total transparencia. A vixiancia e transparencia universais xeneran un quasi totalitarismo, e á xente dálle arrepío actuar abertamente, agás nos grupos moi reducidos, e có tempo case nin en eses. Perdeuse, así, a lembranza das relacións espontáneas e sincera, interpersoal ou grupal. Como ninguén dá por sentada unha mínima confianza mutua inicial, moitas relacións nunca superan esa desconfianza básica. Polo tanto, a confianza social e o chamado “capital social” esmoreceran. Tras décadas de transparencia e vixilancia, a maioría acaba por absterse de pensar autónomamente. Unha antiga práctica que salvara o pensamento libre nas vellas autocracias —compórtome como está mandado, pero privadamente penso e digo o contrario — é agora unha rareza, pois a xente pensa o politicamente correcto.
 
Xa que todo mundo sabe o que dis, a liberdade de expresión é pouco practicable. Non se pode dicir nada desagradable de ningún grupo social, sexan os visigodos ou os filatélicos. A autocensura na expresión en público foi levando, aos poucos, á autocensura no pensamento.
 
3.
O bio-poder, en tempos a grande novidade, está a pasar de moda. O psico-poder ten máis vantaxes e é tan efectivo que hai ben tempo que non se necesitan Guerras contra o Terror. Ese control psicolóxico omnipresente, é outro dos factores quasi-totalitarios (Han, Enjambre).
Seguindo unha tendencia nada nova, moitos dos asuntos políticos non son, realmente, de natureza política: a persoa e o seu corpo, corazón, mente, homo tantum, o comportamento persoal mesmo íntimo, a cultura, a ecoloxía, o control da poboación mundial. Os gobernos xa nin aparentan que todos somos iguais; hai desigualdades políticas, económicas e persoais a eito. Xa non declaran a dignidade humana inviolable; a dignidade menciónase, pero rara vez, non sendo algúns historiadores politicamente incorrectos. Polo mesmo, a presunción de inocencia pertence ao pasado. Corrección política, seguridade e eficiencia destronaran á democracia, cuxa idea esvaeuse non só por razóns políticas ou económicas, ou polas dificultades de practicala a escala mundial, senón porque se ninguén fai nada importante por si mesmo, ainda menos lles importará autogobernarse. Os problemas todos, mesmo parvadas, consúltanselle a un experto (por exemplo, cánto debe xogar o fillo aos videoxogos); os asuntos que antes eran naturais, coma o embarazo, tamén quedou reservado aos expertos: case todo cae na xurisdición dos expertos e polo mesmo sae da xurisdición do home da rúa. Aquelas cousas que a nai natureza preparounos para facer por nós mesmos, cómo ser pai, fillo, ou amigo, pasaron aos técnicos. Así infantilizados, os homes e mulleres carecen de iniciativa fóra das súas profesións.
 
Outra cousa que mudou foi o Dereito. Volveuse case universal e básicamente anglosaxón. As tradicións xurídicas españolas cederon paso a un Dereito axeitado a un mercado global único de persoas funxibles que voan sobre o planeta dun traballo a outro, así que teñen que estar rexidas pola mesma lei. O que queda do Dereito español está nos libros de historia, como pasou coa antiga variedade de leis, costumes e institucións, pois agora “one size fits all”, como, p. ex., os contratos. Ademais, a lei consiste nunha miríade de normas que regulan toda posible situación, de xeito que tes que facer que as accións encaixen nas situacións, como nunha casilla, mecánicamente. Tradicionalmente, as leis eran feitas por lexisladores, pero o Dereito era feito polos xuristas; agora o Dereito consiste en mandatos legais e sentencias de xuices activistas, ás veces comprometidos ideolóxicamente e con frecuencia supranacionais; se ben moitas sentencias non complexas son emitidas por robots. O Dereito romano dicía que hominum causa omne ius constitutum est; agora, o Dereito non é antropocéntrico; por eso non está centrado nas accións libres. Coa intelixencia artificial masivamente aplicada, moitas decisións xurídicas están automatizadas. Hai xa moito que os computadores impoñen multas.
Nesta segunda metade do século XXI, seguindo unha tendencia iniciada hai 50 anos, unha xurisdición universal e unha serie de comités e grupos mundiais de expertos políticos e económicos gobernan o Planeta, mentres que o autogoberno escasea, incluídas as universidades. España é como un estado asociado/protectorado, e os españois son famosos por seren un pobo ordenado e legalista que respecta as normas da UE. Pola súa banda, ésta, superada pola globalización e atrapallada na folla de ruta asignada polos que mandan no mundo, é un actor político secundario diluído nun xenérico predominio asiático. 
Vastas extensión de España, ben así como antigas vilas e cidades, están case desertas. Algúns famosos reinos históricos, principados e ducados, despois dun longo envellecemento e despoboamento, prácticamente desapareceron, excepto dos mapas. Madrid é unha cidade monstruosa de 25 millóns de habitantes. A xente mestúrase tanto e bota tan poucos reigaños que o “lugareño” non existe. O folclore e as particularidades culturais, son reliquias para turistas ou atavismos de museo. Pero ao folclore non o matou o multiculturalismo, senón a tecnoloxía, a uniformización cultural, o baleiramento psicolóxico e maila atomización da sociedade. Só os musulmáns, e non todos, manteñen á súa identidade.
 
4.
Hai unha única relixiosidade (máis que relixión) global, difícilmente distinguible da ética, dos dereitos humanos, a ecoloxía ou as boas maneiras. O que queda das relixións, non sendo o Islam, vai polo rego da narrativa imperante. A corrección política, o guión do que todo o mundo pensa e fai, impregna todo dende hai xa tanto tempo que ninguén lembra doutra situación; por iso pensamento único é regra indiscutida. As relixións minoritarias e as distintas da narrativa dominante poden ser castigadas por lei (poñamos, absterse de ensinar as bondades do transxénero, ou a obriga de obedecer toda lei), porque esa relixiosidade oficial converteuse nun “ordre public” esixible polos xuíces e a policía. 
Os “desviados” son escasos, sobre todo os desviados morais, porque a moral cedeu o paso a esa ética imposta públicamente. Asemade, os procesos morais cederan o paso primeiro aos procesos psicóloxicos, despois aos biolóxicos, e finalmente aos algoritmos, de xeito que pouco queda de ningunha moral substancial. Os psiquiatras, que hai 30 anos eran os especialistas máis numerosos, agora son raros porque ninguén sofre desordes psiquiátricos, e, para os poucos casos que xurdan, cós traballadores sociais chega.
Por primeira vez na historia, os clásicos gregos e romanos, a Biblia, o Cristianismo e as humanidades, desapareceron por completo da visión pública, resultando así unha xente máis doada de manexar. 
 
España é básicamente anglofalante. Aos menores de corenta anos xa lle falaran en inglés os pais desde nenos. A linguaxe “de xénero” —esposa, esposa, muller, home, filla— está prohibida pola lei, pero como esas verbas caeran en desuso hai ben tempo por causa da corrección política, a prohibición non molesta. 
O exceso de información e a inabarcable cantidade de datos fan que as persoas sexan incapaces de distinguir o verdadeiro do falso, o correcto do incorrecto, o real do irreal (“realidade” e “irrealidade” esvaéronse da visión pública por causa do total predominio do virtual). Asolagados pola información masiva, a capacidade de discernimento afogou. Resultou, así, un ser humano illado e funxible, listo para sair correndo duas semanas ás antípodas e despois a outro remoto curruncho do mundo, alí onde o mande a transnacional para a que traballa, prescindindo da familia, que moitos non teñen nin poden pensar en ter. As persoas apenas se soportan unhas ás outras (a persoa media ten unhas tres parellas na vida, segundo a fase); a meirande parte das vivendas son unipersoais.
 
Post scriptum de 2084
 
Sorprendentemente, as cousas están a mudar. A conciencia moral estaba adurmiñada, pode que anestesiada, pero non morta (Bauman). A natureza humana cabalga de novo. Hai quen ve algunhas antediluvianas películas americanas con historias de amor e carraxe. Algúns ricos, ainda que tiñan bós postos na industria dixital, comezaron hai tempo a enviar os fillos a “espazos libres de internet” onde ensinan humanidades e dan valor ao estético, e pola estética chegaron a coñecer o pasado.
 
A xente cedera libertade a cambio de seguridade e benestar, pero como acabou probe, sometida e duramente castigada por desastres naturais derivados do cambio climático, deixou de creer a gobernos e expertos. Coma dixera alguén, “á xente neste país [Gran Bretaña] xa tivo expertos abondo”. Os ideais de medro económico e cambio tecnolóxico ilimitados deixaron de ser indiscutidos a raíz de varias inundacións serias, incendios horribles e secas severas. A escaseza de materias primas está facendo á xente pensar en redistribuir máis que en medrar. Có quecemento global, mesmo a xente que era conformista, ve cós seus propios ollos e padece nas suas carnes que os gobernos e os tecnócratas non saben máis nin teñen as cousas baixo control. A antiga confianza en que a tecnoloxía solventaría todo, inclusive os problemas creados polo mesmo avance tecnolóxico, esvaeceuse. 
 
Segundo, a tecnociencia, a bancocracia e o neoliberalismo financeiro non só non trouxeran a felicidade, senón que aumentaron dun xeito nunca visto a pobreza e a desigualdade, xeraron unha clase baixa e desempregada que vive de rendas sociais miserentas, e finalmente fixeron que a xente desbotara a primacía da economía, e en particular, de esta economía financeira. Polo mesmo, redescubriron á forza a posibilidade dunha vida máis simple e natural. Ao prescindir de teorías e verdades oficiais e ver directamente cómo o individualismo materialista os empobrecía e convertía en pezas funxibles (cando non sobrantes), embarcáranse na procura de vidas con máis sentido e afastáranse tamén do hedonismo materialista. E esa mesma escaseza das ruins rendas sociais e pensións levounos a redescubrir as vantaxes de agruparse e convivir en pequenas comunidades, para empezar, nas familias. Adeprenderon, así, a se soportar uns aos outros.
 
Por último, fíxose evidente que o goberno mundial está nas máns de persoas falibles, algunhas non demasiado capaces, e outras corruptas. Se no século XX dicía un autor inglés que realmente crer no Estado ven sendo crer nos homes que o rexen, crer nos poderes mundiais resultou crer nos homes que mandan na ONU, o FMI, a UE ou o Foro de Davos, que amosaron cós feitos que non sempre buscan o ben común (aparte da dificultade de identificar un ben realmente común ao mundo enteiro, que levou a redescubrir as comunidades non demasiado grandes). Así, a nova tendencia a desconfiar das autoridades e expertos recibiu outra volta de parafuso, obrigando á xente a exercitar o espíritu crítico e o sentido común e a poñer nas súas vidas unha dose de moralidade e compromiso cós que lles rodean. E por esa comprobación de que a economía e a tecnociencia, dirixidas por expertos globais, facían moito dano, as xentes redescubriron a necesidade de gobernar eles as suas vidas; para empezar, gobernando nas comunidades locais.
 

Robot presentado por Abanca
Robot presentado por Abanca | Fonte: Abanca
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.