Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2018 | Actualizada ás 19:41
A base xeneral Morillo de Pontevedra acolleu este martes a presentación da Operación Sentinela Galego 2018, coa que as Forzas Armadas colaboran na prevención e loita contra os incendios forestais na Comunidade. Son un total de 27 patrullas, que se poderán aumentar en función do nivel de esforzo, e a operación estará até o 15 de setembro despregada.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, xunto ao xeral xefe da Brilat, Antonio Romero Losada, participaron na sede da Brilat en Pontevedra, na presentación oficial das patrullas. Ademais de unidades da Brilat, que desprega 22 patrullas, participan cinco patrullas pertencentes ao Tercio Norte de Infantería de Marina, con sede en Ferrol.
En nome do Goberno galego, Alfonso Rueda agradeceu ás Forzas Armadas a súa implicación na loita contra os lumes forestais en Galicia e puxo en valor o seu labor en materia de "vixilancia e disuasión" da actividade delituosa incendiaria nos montes.
"Os militares despregados polo territorio transmiten seguridade á poboación e constitúen un reforzo indispensable en época de alto risco para os medios que dispón a Xunta e as demais administracións públicas", dixo.
QUE NON TEÑAN LUGAR
Rueda lembrou que esta operación se realiza segundo o convenio de colaboración subscrito entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia, iniciado con este obxectivo en 2007. Así, o vicepresidente da Xunta indicou que "o obxectivo principal é tentar que eses incendios non teñan lugar", polo que destacou a importancia das tarefas "vixilancia e disuasión". Así, estas patrullas terán presenza en "lugares estratéxicos, especialmente sensibles".
OPORTUNIDADE ÚNICA
Pola súa banda, o xeneral Antonio Romero Losada, ao mando da Brigada Galicia VII, asegurou que para eles "é unha oportunidade única de participar nunha misión de apoio directo á poboación", xa que, ao seu xuízo nos despregamentos en zonas como Líbano ou Mali "dilúese un pouco na distancia".
Esta nova edición da Operación Sentinela Galego afróntana "con moitísima ilusión", dixo o xeneral Romero Losada. "O noso afán é que non haxa ningún incendio na nosa zona durante o tempo que esteamos" algo que valora como "moi difícil, desde logo, pero ímolo a tentar, como todos os anos".
Respecto dos soldados que participan neste traballo "van están moi motivados, con moitas ganas", xa que "gozan da misión á vez que se está vendo de forma moi directa a utilidade do traballo que se fai".
Ademais o xeneral da Brilat subliñou que "o persoal a maioría é galego, co cal, senten o terreo como seu, senten os incendios, aféctalles igual que a calquera cidadán galego".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.