Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 18/07/2018 | Actualizada ás 22:00
A historia de Xesús Redondo Abuín comeza en Asados - Rianxo - no ano 1940. Alí naceu ao abeiro dunha familia de sete irmáns. Había un ano que comezara a ditadura e aqueles tempos viñan marcados a lume pola penuria e a fame. "A única fonte de vida na miña casa era a panela de peixe da miña nai", recorda. Precisamente esa fame, que facía que as paredes do seu estómago rozaran as unhas coas outras, foi o que o impulsou a marchar fóra. Primeiro a Asturias, e logo - xa organizado no Partido Comunista -, a París, a Moscú e a Bélxica, para despois volver entrar na fronteira e loitar dende dentro contra o réxime. Foi reclutado no Sáhara e estivo preso nunha morea de cárceres españolas nas máis indignas condicións. Viviu enfrontamentos moi tensos cos gardas civís e mesmo foi ferido de bala en Gran Canaria.
Sentiu no máis fondo del a represión e persecución franquista froito daquel 18 de xullo, "un día no que non houbo vitoria ningunha". Mais para Abuín nada xustificou nunca non seguir na loita, por que para el "a vida é loita, e se deixas de loitar, aínda que non morres fisicamente, morres como persoa". Negouse sempre a ser gando manso para labor e colleu o camiño da revolta: "preferín vivir con castigo ca dobregarme, esta é a gran virtude da militancia do Partido Comunista". Hoxe en día, contar a súa historia é facer xustiza, serve "para que a xente saiba de onde vimos e a onde queremos ir". E por iso mesmo Abuín vén de publicar as súas memorias: "Alentos e desalentos dun de tantos". Nas seguintes liñas, máis alentos ca desalentos:
ASTURIAS: A TOMA DE CONCIENCIA
O punto de arranque da súa loita organizada. Aquí Abuín comezou a traballar nunha mina co afán de gañar diñeiro para vivir. Chegou a facer tres quendas seguidas: 21 horas baixo terra. Así é que o primeiro mes cobrou 5.033 pesetas. "Aquilo era unha loubada" -di-, decontado se decatou de que non era vida. "Tiven a sorte de que na mina da Camocha había unha conciencia de clase moi forte, entón explicáronme que a ese ritmo que eu collera non había chegar aos trinta anos". Os camposantos do lugar estaban cheos de rapazada.
No ano 1958, Abuín participou da coñecida folga que organizaran na mina, un dos xermes da loita obreira. "Eu repartín os pasquíns que chamaban ao parón, pero sen querer dinlle un a un policía camuflado e iso valeume a miña primeira detención". Desta salvouno a imaxinación e a astucia: como non sabía ler nin escribir, Abuín alegou que cría que estaba repartindo convites a unha picha de sidra.
Soltárono, e con estas, fuxiu lonxe. Botou dous meses apartado da civilización, pero "aquilo tampouco era vida para un rapaz de 19 anos, así que levantei voo e fun á Conca do Nalón traballar na mina Lláscaras. As condicións de traballo ían de mal en peor e a resposta, foi, de novo, unha gran folga xeral no 62 que implicou a toda Asturias. E alí estivo Abuín, no medio de deportados e detidos. "A nosa consigna era: ou todos deportados ou ningún". Finalmente, Xesús tivo que marchar para o monte ata que o Partido Comunista lle deu un pasaporte e o sacou do país.
O ESTRANXEIRO: ONDE APRENDEU A LER E ESCRIBIR
"Unha rapaza do partido ensinoume como chegar a Francia e unha vez que pasamos a fronteira díxome: 'problema resolto'". Para que non lle denegaran o refuxio político, o PC buscoulle un traballo, mais as condicións eran tan malas que "alí non traballaba ningún francés: 500 de 600 eramos españois". A súa loita nestoutra folga que organizaron valeulle o calificativo de "estranxeiro indesexable". 72 horas tiña dende aquel mesmo momento para abandonar territorio francés. "Francia perdera Arxelia e os dirixentes - De Gaulle e Pompidou - eran uns brutos e uns cabróns coa xente de fóra".
A súa seguinte parada foi Moscú. Aquí Abuín, ás ordes do xeneral Modesto, aprendería a ler e escribir nun instituto de 500 alumnos de distintos Partidos Comunistas do mundo. "Kruschev era o presidente daquelas e a Unión Soviética vivía un momento estupendo. Rusia converteuse no primeiro país en exterminar o analfabetismo, as enfermidades contaxiosas... A Sanidade era extraordinariamente boa e o nivel cultural moi alto", recorda Xesús. Pero como se adapta un ás condicións de vida tan dispares de Moscú? "A realidade tranforma as persoas. Eu non tiven máis remedio que aclimatarme aos seus costumes e ao clima".
Ao que soubo ler e escribir, Abuín foi enviado a Bélxica. "Solicitei a protección do alto comisariado da ONU e estiven traballando naquelas minas os seguintes tres anos". As condicións non foron mellores ca nos anteriores traballos... así que cumpría a loita de novo. "En Bélxica a intervención das autoridades foi brutal, a pesar de ser un goberno que se dicía socialista. Os mesmos paracaidistas que utilizaron para incendiar as chavolas no Congo, abriron lume contra nós".
Abuín sempre se integrou nas loitas de cada lugar. "A realidade faite camiñar". Como militante do PC, controlaba os mercados, preocupábase polas condicións de traballo, repartía o xornal Mundo obrero... "Estabamos organizados a nivel de Benelux, e sempre axudamos a que os traballadores tomaran conciencia de clase".
VOLTA A ESPAÑA: CÁRCERES E MÁIS CÁRCERES. E FOLGA DE FAME
Xa no ano 67, o Partido Comunista considerou que quen non tivera responsabilidades graves debía volver ao interior para axudar a tumbar o réxime. "Pensabamos, ilusos de nós, que o réxime estaba para caer, e aínda quedaban anos... e grazas á flebite", di retranqueiro. O ministerio de interior negoulle a documentación, así que a ONU fíxolle un salvoconduto e chegou na fronteira. "Tres gorilóns" esperaban por el. Un deles era Melitón Manzanas, o policía que foi asasinado por ETA un ano despois. Del, Abuín recorda "agresións burdas": "dicíame que Dolores Ibárruri era unha deborahomes e unha ninfómana e que Enrique Lister era un bruto".
Decontado sacaron as chaquetas e comezaron a pegarlle ata as cinco da madrugada. Logo metérono nunha furgoneta e estivo secuestrado en Loyola - no País Vasco - catro ou cinco meses. De Loyola deportárono ao Sáhara, concretamente a Cabrerizas, un lugar ao que enviaban á xente que loitaba contra o réxime. Alí fixo "vida de partido" durante dous meses e coñeceu a xente moi culta. Todos os estudantes de Barcelona que tomaran Montserrat estaban alí recrutados.
Un problema grave de respiración fixo que Abuín voltara ao país. Gran Canaria foi o seu seguinte destino, onde desexaba que a súa situación se legalizara. Lonxe diso, as circunstancias aquí empeoraron. Comezou a traballar na construción: "había que reparar a estrada que ía do centro ao norte da illa, pero ao rematar o labor non se pagou ningún salario". Así pois, Sardina del Norte, foco da loita obreira, púxose en pé de guerra fronte "a toda a garda civil da illa armada ata os dentes". "Nesta asemblea do PC as cousas violentáronse moito. Toni Gallardo, - político canario - ía ser golpeado na cabeza, así que eu botei a man á gorxa do policía e collín a súa pistola. O comandante sentiuse humillado... e pegoume un tiro na perna", relata Abuín. Estes sucesos de setembro do 68 convertéronse nun dos principais enfrontamentos do movemento obreiro contra a ditadura franquista.
Abuín foi para o hospital e logo infresou na prisión co resto de camaradas. Empezaron a preparar o xuízo. "Iamos co mesmo afán de acabar con Franco, dispostos a converter o xuízo a nós nun xuízo a Franco... outra vez ilusos de nós". Como é de esperar, non o gañaron. "Botáronme 11 anos de condea, pasei pola cárcere de Cádiz, Puerto de Santa María, Soria, Segovia... e sempre loitei porque se nos recoñecera como presos políticos". En Puerto de Santa María viviu unha das súas peores experiencias: "era un potro de castigo. A dous compañeiros matáronos a golpes". Abuín acumulaba sancións por todos os lados, así que viu como única saída poñerse en folga de fame. 14 días estivo sen levar alimento á boca. "Descompoñíame".
A LOITA DAS MULLERES E A REVOLUCIÓN DOS CARAVEIS
Durante este tempo en que el estaba no cárcere, fóra había quen se preocupaba por el: era Marta Marroquín Travieso, "unha muller do partido que se encargaba de preguntar por min como noiva ficticia. As famosas noivas dos presos. Durante dous anos intentou visitarme todas as semanas, pero só conseguimos vernos cando puiden reicorporarme cos demais presos en Segovia logo da folga de fame: non interesaba que morrera un comunista nesas condicións. O PC era moi forte". Dende aquelas, Marta pasou de noiva ficticia a real. Dende cativa encargouse de levar comida aos presos do Penal do Puerto... "as mulleres tiñan dúas frontes de batalla: contra a represión nas cárceres e polas liberdades democráticas na rúa. Grazas a esa loita de todas as mulleres veu a nosa", di con orgullo Abuín.
Pouco despois puido trasladarse á cárcere de A Parda en Pontevedra, máis preto da súa nai. "Alí vivimos un momento formidable. A Revolución dos Cravos de abril do 75 foi un alento político, e a morte de Franco era unha noticia que todos queriamos presenciar. Cando aconteceu, eu saín da cadea". Marta Marroquín, andaluza de nacemento, decidiu vir a Galicia vivir con el. E agora disfrutan da tranquilidade santiaguesa, coas conciencias tranquilas pola loita que os dous emprenderon e nunca deixaron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.