Por E.P. | VIGO | 19/07/2018 | Actualizada ás 18:49
O Hospital Povisa de Vigo reimplantou con éxito o brazo a un traballador de 32 anos de idade que a principios deste mes sufriu un grave accidente laboral no porto de Marín cando trasladaba palés cunha carretilla elevadora.
De acordo co centro hospitalario, os feitos ocorreron o pasado 6 de xullo, cando o mozo, chamado Víctor Santiago, manipulaba unha carretilla elevadora. "Por un fallo mecánico", os ganchos da carretilla esborralláronse sobre o seu brazo esquerdo e seccionárono por baixo do cóbado.
O operario foi trasladado de urxencia por unha ambulancia medicalizada do 061 até Povisa, onde foi intervido por un grupo composto por cinco especialistas, entre cirurxiáns plásticos e reconstructores, traumatólogos e anestesistas.
No transcurso das nove horas de operación, uniuse o óso con placas e parafusos, se reconectaron arterias e veas para recuperar a irrigación, e suturáronse nervios, músculos e tendóns. Tras iso, permaneceu 24 horas na Unidade de Coidados Intensivos, e posteriormente pasou á planta de hospitalización.
O hospital destacou que, despois de varios días dende a intervención e pasada xa a primeira semana crítica, "o paciente evoluciona favorablemente e será dado de alta nos próximos días, antes de iniciar o seu período de rehabilitación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.