Ribadavia volve demostrar que, dende a periferia, o teatro galego está na vangarda

A 34ª edición da MIT de Ribadavia bate récord de asistencia e reivindica "o dereito dos galegos a ter acceso a este tipo de teatro e a estar conectados co exterior dende o noso" ao tempo que pon enriba da mesa a falta de apoio á escena galega.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/07/2018 | Actualizada ás 09:43

Comparte esta noticia

A pouca valoración do oficio da escenografía por parte de organismos coma a AGADIC da Xunta de Galicia nos proxectos de axudas públicas á produción de espectáculos, o precario mantemento e dotación dos teatros e auditorios de Galicia (moitos deles pechados á actividade escénica a maior parte do ano), a escasa tarefa que dende a administración se está a facer en relación coa proxección exterior do teatro galego ou a necesidade de dotar máis a un festival defendido por un volume de xente cada vez maior e máis forte. Eses foron algúns dos temas relevantes que tiveron cabida nesta edición da MIT de Ribadavia.

A MIT, en Santo André de Camporredondo.
A MIT, en Santo André de Camporredondo. | Fonte: MIT de Ribadavia

Porque a MIT "é un encontro festivo, reivindicativo, que traballa para o común e que precisa mellorar o seu financiamento con urxencia" sinalan dende a organización. E engaden que tanto os usuarios coma os artistas, persoal técnico e visitantes, esixen unha mellora das condicións económicas: porque as oportunidades de dar un salto aínda máis significativo desta capital teatral tamén parecen esixilo.

DENDE A PERIFERIA, NA VANGARDA

"A MIT 2018 foi a demostración de que dende a periferia, o teatro galego pode estar na vangarda, que non é un evento máis senón algo moi pensado e con longa tradición, que ten unha posición privilexiada para poder dicir algo na esfera internacional, como se demostrou coa estrea en Galicia dos espectáculos de Marianella Morena, Pippo Delbono, Lali Álvarez, Los Colochos, Blind Summit...", reivindican dende a organización.

Doutra banda, tamén sinalan que grazas á coprodución de Commedia, a MIT acompañará e abrirá portas e camiños para o espectáculo dirixido por Cándido Pazó e servirá de embaixadora en encontros de Brasil, México e Uruguai, onde o festival xa foi convidado a participar grazas aos intercambios e redes establecidas no marco da 34ª MIT.

De feito, o Director da MIT, Roberto Pascual, indicou na inauguración desta 34ª edición que é preciso revolucionar para mudar e mellorar aspectos da xestión escénica e que a MIT está demostrando a súa capacidade revolucionaria da man da xente, "dunha cantidade cada vez maior de persoas que gozan dun contraste diverso, de experiencias artísticas excepcionais e polo tanto, dun nivel e unha capacidade de acceso e goce do teatro contemporáneo cada vez máis grande". E reivindica o dereito dos galegos tamén a ter acceso a este tipo de teatro e a estar conectados co exterior dende o noso. "Porque ser revolucionarios tamén é ir cambiando os focos, do grande ao pequeno, do centro á periferia. A MIT xa é un festival de referencia a nivel europeo", engade.

RÉCORD DE PARTICIPACIÓN

A MIT pecha esta edición cun récord de asistencia de espectadores, chegando case ao 100% da ocupación das localidades no Castelo e cunha participación masiva nas rúas e nas actividades paralelas. Esta edición destacou pola media alta de asistencia e a valoración dos espectáculos, pola proxección internacional e pola repercusión que a MIT está tendo en diversos ámbitos, do económico ao social.

Doutra banda, esta edición da MIT outorgou Premio do público á compañía A PANADARÍA, co espectáculo ELISA E MARCELA, superando por décimas á segunda máis votada, a mexicana Los Colochos con Mendoz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta