A catedrática galega María José Alonso, primeira muller no mundo premiada co Founders Award

Trátase da máis alta distinción que outorga a Controlled Release Society, considerada a sociedade científica máis relevante do mundo en sistemas de liberación de fármacos e nanomedicina.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/07/2018 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), acaba de recibir o prestixioso premio Founders Award, a máis alta distinción que outorga a Controlled Release Society (CRS), considerada a sociedade científica máis relevante do mundo en sistemas de liberación de fármacos e nanomedicina. A entrega deste recoñecemento celebrouse esta pasada fin de semana en New York durante o encontro anual da CRS, no que a profesora Alonso tamén toma posesión como presidenta da mesma sociedade. 

María José Alonso
María José Alonso | Fonte: USC.

A Controlled Release Society concede o seu Founders Award anualmente a un dos seus membros recoñecidos internacionalmente polas súas sobresalientes contribucións á ciencia e á tecnoloxía no ámbito da liberación controlada. María José Alonso convértese na primeira muller que recibe o recoñecemento a súa destacada carreira investigadora e incorpórase a unha lista que integran outros 36 científicos dende a instauración do premio en 1982.

Ademais deste recoñecemento, Alonso foi dobremente distinguida pola CRS ao elixila membro do seu College of Fellows, o máis alto grao dentro do CRS, ao que pertences so 102 especialistas de todo o mundo. O College of Fellows recoñece aos membros do CRS que teñan destacado polas súa achegas científicas durante un mínimo de dez anos.

TRAXECTORIA

O da CRS é o terceiro gran recoñecemento internacional que suma a catedrática da USC en datas recentes, logo de ter sido elixida membro da Academia Nacional de Medicina de Estados Unidos e do prestixio ‘College of Fellows’ do American Institute for Medical and Biological Engineering de Estados Unidos (AIMBE).

O laboratorio da profesora Alonso na USC foi pioneiro en numerosos descubrimentos en tecnoloxía nanofarmacéutica. Ademais, foi coordinadora de varios consorcios de investigación internacionais pola Organización Mundial da Saúde (OMS), a Fundación Gates e a Comisión Europea. Actualmente participa en sete proxectos internacionais, cinco deles financiados pola Comisión Europea. 

É autora de máis de 260 publicacións científicas con máis de 15.300 citas (factor h 69) e inventora de 20 familias de patentes. A calidade dos seus traballos científicos levouna a situarse no ‘top ten’ dos investigadores en farmacoloxía e nivel mundial segundo a clasificación internacional Times Higher Education (Thomson Reuters 2010). Ademais é parte do consello editorial de once revistas científicas e entre 2006 e 2010 foi vicerreitora de Investigación e Innovación da USC. En 2011 asesorou o Ministerio de Ciencia e Innovación para a elaboración da lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación e formou parte do consello asesor do Ministerio de Sanidade. 

Ao longo da súa carreira ten recibido numerosos premios entre os que destacan o Rei Jaume I de Novas Tecnoloxías, o Maurice Marie Janot, o Novoa Santos, o María Josefa Wonenburger e, moi recentemente, a Medalla Castelao. Ademais, é membro de tres academias en España: Real Academia Nacional de Farmacia, Real Academia Galega de Ciencias e da Academia de Farmacia de Galicia, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta