"Gustaríame traducir os poemas de Rosalía ao checo para que o meu país soubese máis sobre Galicia"

Esta é a teima da checa Katerina Bártková, unha das estudantes do curso "Galego sen fronteiras", que este martes pon o punto final a case un mes de aprendizaxe da lingua e da cultura galegas a persoas chegadas de máis de 20 países do mundo. Coma ela, outras rapazas marchan de Compostela con soños pensados na nosa lingua.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 24/07/2018 | Actualizada ás 19:49

Comparte esta noticia

O Curso de verán de lingua e cultura galegas, organizados pola Real Academia Galega e o Instituto de Lingua Galega, concluíu este martes cunha xornada "con puntos de luz e sombra", como dixo o presidente da RAG, Víctor Freixanes. A luz trouxérona os 75 rapaces que este verán viñeron dar a Galicia dende diferentes partes do mundo co gallo de aprender nosa lingua e coñecer a nosa cultura. Pola súa banda, a sombra é ben sabido que sempre acompaña os finais, mais tamén é certo que neste caso non se trata dun punto e final, senón máis ben dun punto e a parte: a rapazada marcha de Compostela xa pensando en volver.

Alumnos do curso no obradoiro de Baile e Música Tradicional
Alumnos do curso no obradoiro de Baile e Música Tradicional | Fonte: RAG

Todos eles carrexan de volta ao seu país de orixe unha maleta ateigada de novas experiencias, de historia compartida, de vivencias, de toda unha cultura... e ademais, levan no bico unha das ferramentas máis útiles do ser humano: unha nova lingua aprendida, o galego. Así pois, sementarán polo mundo adiante novas e propias miradas deste país, do seu idioma, da súa tradición e idiosincrasia. Por que unha das cualidades que une a todas estas persoas é a sensibilidade que mostran co idioma, ben polos estudos lingüísticos que cada un desenvolve no seu propio país, ou ben pola loita que emprenderon por defender as súas linguas fronte a outras que as asoballaban.

UN ALUMNADO COMPROMETIDO COA LINGUA

Como profesionais das linguas, son conscientes da situación de diglosia que sofre o galego, e quizais por iso, senten máis azos á hora de aprender o idioma. "Falándoo é a única maneira de manter o legado e a cultura, porque se non tes lingua, non tes cultura". Este é o pensamento comprometido dunha das estudantes do curso, Pilar Reyna Muniain arxentina de nacemento pero vinculada á lingua grazas á súa familia, que é galegofalante. Da cultura galega, di que é "moi integradora": "as persoas galegas comparten a súa cultura dunha maneira moi fermosa e con moito cariño, mais a lingua corre o risco de morrer". Mudar ese estado de falta da autoestima que sempre definiu o galego debido ao asoballamento que sufriu durante séculos é chave para a supervivencia do idioma. 

Disto tamén controla Katerina Bártková, outra das estudantes do curso. Ela é de Praga, na República Checa, e logo de facer as prácticas na Universidade durante medio ano, decidiu volver a Galicia para seguir aprendendo o idioma. Sen antes supoñelo, foise decatando de que galego e checo tiñan moito en común. "Agora a lingua checa é independente e fálase moito, pero non sempre foi así: antes só se falaba alemán e o checo era a lingua do pobo, así que tamén sufriu os séculos escuros", recorda. Katerina di que na República Checa non se sabe nada sobre a lingua e a literatura galega, pero agora teñen unha boa transmisora da nosa cultura. A esta rapaza, estudante de literatura comparada, mesmo lle gustaría traducir a poesía de Rosalía ao seu idioma nai. Aínda que é un soño a longo prazo, ten claro que polo de agora, "xa só ler un pouco de Rosalía sería xenial".

O alumnado do curso 'Galego sen fronteiras' no acto de clausura
O alumnado do curso 'Galego sen fronteiras' no acto de clausura

O VALOR DE APRENDER O GALEGO EN GALICIA

A parella de Katerina é galega, e unha das súas teimas é falar galego con el. A Fee Eva Esken, unha alumna alemana, acontécelle algo semellante. O seu mozo é de aquí e a súa nai fala galego, así que este foi o primeiro contacto dela coa lingua. Segundo Fee, "para coñecer ben unha lingua hai que falar coa xente no propio país". "A min encántame ir a un bar e falar coas persoas porque así non só coñezo a teoría, tamén como pensa e como vive a xente esa lingua", comenta. Precisamente isto, a inmersión na propia cultura, é unha das particularidades que máis valoran os estudantes. De feito, esta experiencia tamén contempla diversas actividades paralelas ás aulas: charlas, coloquios, excursións, obradoiros... O que máis os sorprendeu foi a clase de baile galego. "Aprender o baile na lingua galega foi moi fermoso", di Pilar. Así pois, marchan de aquí non só falando galego, senón tamén bailando muiñeiras e xotas. 

"Independentemente do número de falantes, coñecer unha lingua nova sempre é enriquecedor, e máis se se aprende no entorno no que se fala, é dicir, no contexto lingüístico no que se emprega". Haygh, de Ceuta, remarca na mesma idea. Igual ca Katalin Farksinszki, de Hungría, que comenta entre risas que ela, aínda falando agora seis linguas, a materia que máis lle custaba na escola era o inglés. "Non é o meu aprender unha lingua nun colexio, preciso falar coa xente e interesarme pola cultura". Agora xa vai no nivel avanzado de galego, este é o terceiro ano que vén a Galicia e non tatexa cando di que lle gustaría vivir aquí. 

Dende Xapón veu Tamaki Kawagoshi, outra alumna que está moi interesada na relación entre Galicia e o norte de Portugal. E dende Brasil chegou Filipo tamén con ganas de aprender o idioma. Descubriu o curso pola facultade de Brasil e non o pensou dúas veces. Sendo esta a súa primeira vez en Galicia, di que é "encantadora". E ademais, ten as ideas ben claras: "quero poder escribir en galego". "Levo todas as vivencias aquí experimentadas para o Brasil. Alí divulgareinas", asegura. Xente coma Filipe é un exemplo de que idioma e a cultura galegas viaxarán polo mundo cal semente no pico dun paxaro carpinteiro. Moito tamén llo debemos aos nosos antergos: no caso de Luís, de Navarra, está aprendendo o galego porque a súa avoa era de Ourense e non descarta vivir aquí algún día. 

O QUE DEIXAN AQUÍ

Dicía este martes Xosé Luís Regueira, o director do curso - que vai xa na súa 31º edición - que todos os alumnos levaban moito para fóra, pero que sobre todo, deixaban moito aquí: "unha imaxe de nós mesmos diante dun espello, unha maneira de vernos". Porque si, nin somos pequenos, nin pobres, nin insignificantes. A lingua e a cultura galegas son a nosa maior riqueza.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta