Villares asegura que "non vai haber ruptura" de En Marea

Defende que a sociedade pide "unidade desde a diversidade" e di que as relacións con Compostela Aberta son "moi boas" antes de verse con Martiño Noriega nunha recepción a Mónica Oltra.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2018 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, asegura que nin hai "nin vai haber ruptura" na formación, integrada por Podemos, Anova e Esquerda Unida, que este 25 de xullo celebran por separado o Día da Patria. Neste sentido, reivindicou que "existe hoxe en día xa unha hexemonía social que leva reclamando desde hai anos unidade e reclama unidade desde a diversidade".

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega,e o portavoz de En Marea, Luís Villares
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega,e o portavoz de En Marea, Luís Villares

Díxoo a preguntas dos xornalistas en declaracións antes de participar nunha recepción do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, á vicepresidenta da Generalitat valenciana, Mónica Oltra.

Cuestionado por como se explican os actos por separado, Villares apelou á comida "conxunta" e "de fraternidade" que se realizará no espazo de Vista Alegre, parque onde convocou o seu acto En Marea "Evidentemente nós nunca renegamos da diversidade, pensamos que a diversidade suma", respondeu, en rexeitamento a unha sociedade "monolítica". "A sociedade é plural, é colorida, é diversa e por tanto esa diversidade é un valor tamén do espazo político de En Marea", subliñou.

Nesta liña, defendeu contar con "espazos de encontro conxunto e espazos tamén de encontro separado". "Temos capacidade de sumar desde esa diversidade e nós entendemos a nosa alternativa política desde esa suma de diversidades sociais que entendemos que nos enriquece e que non nos prexudica", expuxo.

Sobre se esta división de actos no Día de Galicia é un signo da ruptura interna da formación, rexeitou que sexa "interpretado así" e resaltou que "a única ruptura" que desexan "é cunha hexemonía do Partido Popular que está a prexudicar ás maiorías sociais" da comunidade.

Neste escenario, profundou en que a En Marea non se lle está pedindo, ao seu xuízo, que se vistan "igual" nin que teñan "exactamente a mesma forma de camiñar, a mesma forma de estar en política". "Están a pedirnos que teñamos un proxecto común ao redor do que é máis básico: a igualdade, os coidados, o emprego, a defensa do medio ambiente, a defensa da igualdade de oportunidades dentro da propia terra", sinalou Villares.

Así, chamou a atención sobre que neste punto están "todos de acordo" e animou a comparar e ver "no día de hoxe que ninguén do espazo político En Marea emite unha mensaxe diferente a este".

REUNIÓN CON MARTIÑO NORIEGA

Sobre a recepción do rexedor a Mónica Oltra, na que, segundo afirmou, el tamén ía participar, comentou que aproveitará o encontro "para falar de todo aquilo" que lles pon "en común". Así, minutos antes de verse con quen lanzou a proposta (en nome de Compostela Aberta) dunha mesa de confluencia para renovar a dirección de En Marea, Luís Villares indicou que prevía falar con el de "un traballo comprometido" por Galicia, "precisamente no día nacional".

"Que teñamos a oportunidade de compartir este día con compañeiros como Mónica Oltra de Compromís permítenos pór en común tanto ideas de futuro como experiencias que xa son do presente", agregou.

Respecto diso, lembrou que este mesmo martes estiveron xuntos na praza do Obradoiro, fronte ao Concello, "apoiando ás vítimas do Alvia", xa que estiman "que teñen dereito á verdade, á reparación e á xustiza" e iso é algo que lles pon "de acordo": "Estamos do mesmo lado, á beira das mesmas bandeiras e das mesmas pancartas. Iso é o que lle interesa á sociedade", insistiu.

Por todo iso, descartou a ruptura e afirmou que seguen "traballando para que os espazos de unidade estean cada vez máis fortalecidos". "Unha unidade que non nega a diversidade pero pensamos que a diversidade suma. A vida non é monocroma, son moitas cores, moitos valores, tantas diferenzas como xente somos, e tanta unidade como intereses temos en común", resolveu.

MÓNICA OLTRA

Pola súa banda, a vicepresidenta da Generalitat valenciana, Mónica Oltra, de Compromís, interrogada pola súa valoración sobre a xestión da confluencia en En Marea, apuntou que entre a súa composición e esta última "ao final hai moitos paralelismos" e avogou por "compartir ideas" porque "sempre vén ben".

"Creo que estamos nun espectro ideolóxico político moi parecido onde, de cara tamén ao ano que vén, que volve ser ano electoral, é importante compartir ideas, compartir estratexias, compartir enerxías, independentemente de que os nosos proxectos son diferentes", dixo, facendo referencia aos territorios en que se presentan, un en Galicia e outro en Comunidade Valenciana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Villares melena al viento

Home máis ruptura da que hai non vai haber iso está claro o que haberá será creación de novos partidos instrumentais cando rebentedes estes.