Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/07/2018 | Actualizada ás 13:17
O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), participado polas tres universidades galegas, con sede no Campus Vida da Universidade de Santiago e integrado por un equipo humano de máis de 100 persoas, cumpre unha exitosa traxectoria de cinco anos. Desde a súa creación desenvolveu ao redor de 60 proxectos en sectores tan diversos como os da enerxía, os materiais, o naval ou o medioambiente.
A directora de ITMATI, Peregrina Quintela Estévez, catedrática de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago, sinala que “o obxectivo do centro é axuntar o coñecemento, a experiencia e as capacidades dos investigadores galegos máis cualificados no ámbito da Matemática Industrial e poñelos ao servizo de empresas e Administracións Públicas. Poñemos á súa disposición o gran potencial da tecnoloxía matemática, que achega un gran valor engadido ao tecido empresarial, optimizando os seus sistemas, produtos e servizos; axudando de forma activa á mellora da súa competitividade e, por tanto, á súa sustentabilidade”, explica.
A cifra de negocio de ITMATI desde a súa creación ascende aos 4.502.120,35 euros. En 2017 obtivo unha facturación (sen IVE) de 1.585.513,83 euros, da cal o 89,37% foi captada a través de contratos e proxectos competitivos de transferencia, cun incremento de ingresos con respecto ao ano 2016 dun 41,91%.
Os resultados económicos do centro indican, pois, que será autosustentable a medio prazo, de modo que o seu orzamento chegue a basearse principalmente no financiamento privado ou obtido a través de proxectos competitivos.
61 CONTRATOS
Desde a súa constitución, o Instituto puxo en marcha 61 contratos con empresas e entidades, entre os que se inclúen varios no marco de convocatorias Feder Innterconecta, Conecta Peme, proxectos estratéxicos e PDI xestionados polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial ( CDTI), un proxecto do Programa Estratéxico de Consorcios de Investigación Empresarial Nacional (CEN) xestionado por CDTI, proxectos competitivos, contratos directos con empresas, proxectos en varias convocatorias do goberno noruegués, convenios de colaboración tecnolóxica con institucións e entidades, cursos de formación, unha unidade mixta de investigación con Repsol dentro dunha moi esixente convocatoria da Axencia Galega de Innovación e varios proxectos europeos no marco do programa H2020.
Todos estes contratos céntranse en tres grandes áreas de transferencia: Simulación, Estatística e Big Data e Optimización. En 2017 destaca a área de Simulación Numérica, que representou o 58,52% da actividade do centro; seguida pola de Estatística e Big Data cun 24,41% e Optimización cun 17,06%.
As solucións achegadas nestes proxectos integran a tecnoloxía matemática máis innovadora e avanzada para contribuír de forma decisiva a xerar valor engadido en múltiples sectores de actividade económica. Esta tecnoloxía permitiu ao centro resolver problemas de gran interese en practicamente todos os sectores industriais, en particular nos da enerxía, materiais, automoción, informática e telecomunicacións, aeronáutica, loxística e medioambiente.
As solucións achegadas abarcan temáticas tan variadas como o control de calidade, a simulación e optimización de procesos e recursos, a xestión e axuda na toma de decisións e na planificación de recursos ou a explotación da información de grandes bases de datos.
Desde a creación do ITMATI colaborouse, ademais, na realización de 15 teses doutorais. E, no marco dos convenios co Máster en Matemática Industrial e o Máster en Técnicas Estatísticas da Universidade de Santiago presentáronse 9 traballos de fin de máster e 13 alumnos das universidades galegas realizaron prácticas no centro.
Deste xeito, o ITMATI contribúe a mellorar a inserción laboral temperá en traballos relacionados coas súas titulacións e a facilitar o salto dos seus investigadores á empresa ou a outros centros tecnolóxicos.
O Instituto lanzou varias iniciativas para fomentar a súa internacionalización, co fin de chegar a ser un centro de referencia internacional. Así, participou nun total de 10 contratos e proxectos internacionais, dos cales 3 son proxectos europeos —nos que participan máis dunha vintena de empresas— e 7 contratos con entidades e empresas internacionais. A súa facturación neste ámbito en 2017 alcanzou o 27,72% da facturación total do centro, representando un incremento moi notable con respecto aos exercicios anteriores.
CUARTA REVOLUCIÓN INDUSTRIAL
A Matemática Industrial é a base para que a actividade das empresas evolucione cara ao concepto de industria 4.0 Tal como manifesta Peregrina Quintela, “a pesar da súa curta traxectoria, ITMATI está a converterse nun instrumento clave na que será a cuarta revolución industrial, debido a que reúne o coñecemento para a aplicación dun conxunto de tecnoloxías que fan posible todo o potencial da industria 4.0".
Neste sentido, sinala que "as ferramentas de modelización, simulación numérica, modelización estatística (Big Data) e optimización, das que fai uso o centro, son tecnoloxías facilitadoras clave á hora de falar de industria intelixente".
"No proceso de converter a industria en intelixente, vinculando o mundo físico ao virtual, ITMATI está chamado a ser un referente para a industria galega, o conxunto da española e a internacional, tal e como se pode constatar nos seus múltiples casos de éxito”, prosegue Quintela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.