Confirman o primeiro rexistro en Galicia dun peixe globo, propio de augas africanas

O achado sitúa as augas galegas como o punto máis setentrional no Atlántico oriental para esta especie. Os científicos cren que o cambio climático e o quecemento do mar están causando o desprazamento de peixes tropicais e subtropicais cara ao norte.

Por Alberto Quian | Vigo | 31/07/2018 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

Científicos galegos veñen de confirmar o primeiro rexistro de peixe globo (Ephippion guttifer) en augas de Galicia. É, ademais, a captura máis setentrional desta especie rexistrada no Océano Atlántico nororiental. Trátase dun macho maduro de 570 milímteros de lonxitude capturado na ría de Vigo.

Peixe globo (Ephippion guttifer)
Peixe globo (Ephippion guttifer) | Fonte: CSIC.

O Ephippion guttifer é un peixe demersal mariño que habita en ambientes costeiros e esteiros pouco profundos e está asociado cunha variedade de hábitats que inclúen substratos duros e  fangosos. Até agora había rexistros deste peixe no Océano Atlántico oriental desde Marrocos e o extremo occidental do Mar Mediterráneo cara ao sur, ao longo de toda a costa occidental de África, ata Angola, preto de Benguela.

O exemplar foi capturado o 10 de xaneiro de 2017 polas redes duns pescadores fronte a praia de Barra, na ría de Vigo.

Trátase dunha especie máis propia da África atlántica, con intrusións esporádicas no mar Mediterráneo occidental. A súa presenza nas augas do Atlántico europeo está pouco documentada e só hai dous informes anteriores. Con todo, eses informes non proporcionaron a localización exacta da captura nin os caracteres morfolóxicos e descritivos necesarios para identificar os espécimes con fiabilidade como Ephippion guttifer.

Pero agora confírmase que este peixe chegou a latitudes máis setentrionais, até as augas de Galicia. O 10 de xaneiro de 2017, un exemplar vivo de Ephippion guttifer foi capturado nas redes duns pescadores fronte a praia de Barra, na ría de Vigo. 

Deste xeito, os científicos galegos aseguran que este achado establece unha nova especie de peixe en augas galegas e constitúe o rexistro confirmado máis setentrional no Océano Atlántico oriental do Ephippion guttifer.

O quecemento do mar sería a causa da presenza desta e doutras especies de peixes propios de augas tropicais.

Como se explica a presenza desta especie en augas galegas? Segundo os científicos, o aumento en número, así como os cambios na distribución de peixes tetraodontiformes no Océano Atlántico europeo, relaciónanse co quecemento global. Hipótese que se ve reforzada polo aumento da temperatura das augas galegas de 0,24°C por década observado desde 1974 e por numerosas aparicións doutros peixes propios de latitudes máis ao sur.

Logo das análises morfolóxicas e moleculares aplicadas ao espécime, conservouse en etanol e depositouse na colección de peixes do Museo de Historia Natural Luis Iglesias da Universidade de Santiago de Compostela co número de referencia MHNUSC25103. 

O estudo, titulado 'Geographic range expansion of Ephippion guttifer (Tetraodontidae) in the north-eastern Atlantic', publícase no Journal of Fish Biology. Os autores do traballo pertencen ao Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, con sede en Vigo, a asociación Ecoloxía Azul, o Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo e a Confraría de Pescadores San José de Cangas do Morrazo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta