Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2018 | Actualizada ás 17:44
O Ministerio para a Transición Ecolóxica nomeou novos presidentes das confederacións hidrográficas, entre eles o do Miño-Sil, que asume desde este mércores o secretario de organización do PSdeG, José Antonio Quiroga. Quiroga, deputado no Parlamento galego, deixará nos próximos días o seu escano, que ocupará Patricia Otero, de Burela, segundo informaron a Europa Press fontes do PSdeG.
Nun comunicado, o ministerio destaca que o obxectivo de este e o resto de nomeamentos é "avanzar na instauración dunha nova política da auga que ofreza solucións aos desafíos ambientais de España no futuro, coa sustentabilidade e a seguridade como bases fundamentais".
O novo responsable da confederación hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga Díaz (1960), é licenciado en xeografía e historia e graduado en xeografía rural pola Universidade de Santiago. Desde 2002 é o director do Ecomuseo de Arxeriz, "pioneiro en Galicia e que dispón dunha sala especial dedicada á cultura fluvial dos ríos Miño e Sil".
TRAXECTORIA
Da súa traxectoria profesional, o departamento engade que foi técnico de xestión de proxectos na Deputación de Lugo (2012-2015) e director provincial SPEE-INEM desa mesma provincia (2004-2011).
Mentres, sobre a súa experiencia docente, apunta que foi director, xefe de estudos e profesor de CPI Dr. López Suárez en Escairón (1999-2004), director da Escola Taller Terras do Saviñao (1993-1996) e profesor IESA Lama das Quendas de Chantada (1988-1998).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.