Temas: PESCA MAR

Pesca marítima recreativa en Galicia: 60.000 afeccionados, 100 millóns de euros e 7.500 toneladas de capturas ao ano

A captura recreativa anual representa entre o 5-13% dos desembarcos comerciais totais no país.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/08/2018 | Actualizada ás 22:05

Comparte esta noticia

Que impacto ten a pesca marítima recreativa en Galicia? A esta pregunta tentou responder un equipo científico para avaliar as dimensións económicas, sociais e ecolóxicas desta actividade no que, din, é "o primeiro intento exhaustivo de describir e analizar" a pesca recreactiva nas nosas augas. 

Pesca recreativa en Galicia
Pesca recreativa en Galicia | Fonte: pxhere.com.

A partir dunha enquisa de 363 pescadores recreativos estimouse que hai uns 60.000 afeccionados á pesca recreativa en Galicia. En conxunto, cada ano invisten arredor de 86 millóns de euros en artes de pesca e outros gastos, mentres que os propietarios de embarcacións gastan outros 11 millóns.

"Os gastos realizados polos pescadores recreativos galegos representan o 0,2% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia"

A actividade destes pescadores é maior no verán e primavera, especialmente no caso dos pescadores de barcos. Ademais, informaron capturar até 38 especies, pero as máis comúns foron a maragota (Labrus  bergylta), a robaliza (Dicentrarchus  labrax) e o sargo común (Diplodus sargus).

A captura recreativa anual é de aproximadamente 7.500 toneladas, o que representa entre o 5-13% dos desembarcos comerciais totais en Galicia.

Os pescadores de cana na costa son responsables do 50% das capturas totais, mentres que os de embarcaciíons capturan o 40% e os de arpón, o 10%.

"Os gastos realizados polos pescadores recreativos galegos representan o 0,2% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia", expoñen os investigadores. Aínda que a contribución económica destes pecadores é máis alta noutras autonomías de España, por exemplo, na illa de Mallorca, onde alcanza o 1% do PIB, "esta actividade é relativamente importante porque Galicia é un das rexións de Europa que dependen máis dos recursos pesqueiros", argúen.

De feito, para destacar a relevancia da pesca marítima recreativa en Galicia, comparan a súa contribución ao PIB coas vendas de desembarcos da poderosa frota comercial galega, que alcanzaron os 460 millóns de euros en 2015, o que representa o 0,8% do produto interior bruto".

A porcentaxe de pescadores recreativos na poboación total de Galicia é do 2,2%, maior que a participación media na costa atlántica de España (0,7%) e en Portugal (1,7%).

A todo isto hai que engadir que "a demanda de insumos intermedios por pescadores recreativos doutras ramas da economía galega para desenvolver estoutras actividades de lecer contribúe con outros 39 millóns de euros".

A taxa de participación (porcentaxe de pescadores recreativos na poboación total) en Galicia é do 2,2%, maior que a participación media na costa atlántica de España (0,7%) e en Portugal (1,7%). De feito, é máis alta que a participación media nos países atlánticos europeos (1,7%), e similar ás taxas de participación de países relativamente próximos como Francia ou Irlanda (2,1%).

Esta taxa de participación relativamente alta en Galicia, segundo os expertos, "podería relacionarse co papel clave da pesca na cultura e as tradicións costeiras de Galicia e co elevado número de pescadores comerciais retirados que participan na pesca marítima recreativa".

"Ademais, dado que os cambios sociais inducidos pola industrialización se relacionan negativamente coa participación na pesca, a alta participación en Galicia tamén podería explicarse porque Galicia se atopa entre as rexións menos industrializadas de Europa", engaden os autores do estudo.

ESTRATEXIA DE CRECEMENTO AZUL

Debido á importancia da contribución económica da pesca marítima recreativa, os investigadores cren que "se nevesitan decisións de xestión coidadosas para garantir o crecemento e o desenvolvemento sustentable da actividade en Galicia e noutras rexións europeas. Neste sentido, a inclusión da pesca marítima recreativa na iniciativa 'Blue Growth' da UE podería ser beneficiosa para lograr estes obxectivos", sosteñen os autores do estudo.

Os investigadores consideran que se necesita máis información detallada sobre esta práctica para reducir os crecentes conflitos entre pescadores recreativos e comerciais.

A estratexia de 'Crecemento Azul' europea recoñece a importancia dos océanos e mares como motores da economía europea, polo seu gran potencial para a innovación e crecemento. Segundo o deseño da Comisión Europea, a estratexia consta de tres compoñentes: medidas específicas da política marítima integrada, estratexias para o crecemento sustentable tendo en conta os factores de carácter local e actuacións específicas nos ámbitos da acuicultura, o turismo costeiro, a biotecnoloxía mariña a enerxía oceánica e explotación mineira dos fondos mariños.

Segundo os autores do estudo, "a investigación sobre pesca marítima recreativa en Europa é limitada, particularmente nos países do Sur". E para o caso concreto de Galicia, consideran que "aínda se necesita información detallada" sobre esta práctica "para apoiar á Administración e reducir os crecentes conflitos entre pescadores recreativos e outras partes interesadas, incluído o sector da pesca comercial".

O estudo, titulado 'Economic, social and ecological attributes of marine recreational fisheries in Galicia, Spain', publicouse na revista científica Fisheries Research e está asinado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, do Campus do Mar, do Centre for Environment, Fisheries & Aquaculture Science no Reino Unido e das universidades portuguesas de Minho, Aveiro e Algarve.

Temas: PESCA MAR
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dante Llas Area

Son pescador esportivo, cada ano vexo como aumenta o número de siareiros doutras partes do Estado que veñen a disfrutar da súa afición, a mín xa me teñen pedido a licenza nos meses do outono, inverno e primavera, no verán... nunca!!!. Porqué será?