Por E.P. | VIGO | 13/08/2018 | Actualizada ás 10:27
O Porto de Vigo anunciou que encargará de inmediato un estudo técnico para coñecer as causas do derrube dun tramo do paseo na dársena do porto deportivo, onde se estaba celebrando un concerto con motivo do festival O Marisquiño, e que causou feridas a máis de 260 persoas, cinco delas graves.
Segundo confirmou o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, en declaracións a Europa Press, "parece que o formigón partiu", polo que todo apunta a que "máis que problemas de mantemento", o accidente teña a súa orixe nun "fallo estrutural".
En todo caso, sinalou que "primeiro, o máis importante, é saber que pasou" para logo apuntar responsabilidades "se as houbese". De feito, segundo lembrou, a construción dese paseo foi unha obra de Zona Franca nos anos 90 (dentro do polémico proxecto 'Abrir Vigo ao Mar') e, segundo un acordo institucional desa época, o mantemento da zona correspondería ao Concello de Vigo, polo que é "unha zona complexa de administrar".
López Veiga indicou que "ao Porto correspondíalle ceder o espazo e esixir un seguro de responsabilidade civil, que a organización si tiña". O control do evento, engadiu, é responsabilidade da organización do festival.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.