Rueda di que "tempo haberá" para investigar e, "se había algunha responsabilidade, determinala"

Apunta que "constaba algún aviso" sobre que a infraestrutura "non estaba en bo estado".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2018 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que "tempo haberá" para investigar o ocorrido no festival O Marisquiño de Vigo, onde o derrube dun paseo saldouse con máis de 300 feridos, de modo que "se había algunha responsabilidade", se determine.

Alfonso Rueda após o Consello da Xunta
Alfonso Rueda após o Consello da Xunta

A preguntas dos xornalistas despois dun acto en Santiago, apuntou que "había unha solicitude de permiso ante o concello e por tanto haberá que ver se se estaban cumprindo todos os requisitos e se se fixeron todas as comprobacións".

Con todo, engadiu que tamén "constaba algún aviso de que non estaba en bo estado" a infraestrutura, no porto de Vigo. "Todo iso haberá que investigalo. Todos teremos, se había algunha responsabilidade, loxicamente, determinala e se é necesario esixila", apuntou.

Neste sentido, comezou felicitándose por que, "dentro do elevado número de feridos", non haxa que lamentar ningunha vítima mortal nin "ningún ferido grave máis". Tamén recoñeceu aos "magníficos servizos de emerxencia" e aos "sistemas sanitarios" pola súa actuación após o accidente.

CUMPRIMENTO REQUISITOS

Sobre as competencias, explicou que están "perfectamente definidas" e referiuse á lei de espectáculos de Galicia e á petición de permiso por parte dos promotores ao consistorio. Haberá que ver, dixo, "se se estaban cumprindo todos os requisitos".

Con todo, apelou a que os feitos aínda están recentes e nesta "primeira fase" avogou por centrarse na atención ás vítimas. Despois, engadiu, realizaranse as correspondentes "comprobacións" para evitar que algo así "volva pasar" e "ver quen son os responsables".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta