Caballero di que a zona afundida non é competencia do concello porque é "portuaria náutico deportiva"

O alcalde de Vigo lamenta a ausencia de Feijóo no Porto tras o accidente porque "o primeiro é estar coa xente".

Por E.P. | VIGO | 13/08/2018 | Actualizada ás 19:55

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, incidiu este luns en que a zona do paseo marítimo que se afundiu durante a celebración dun concerto do festival O Marisquiño (causando máis de 300 feridos), estaba asentada sobre unha estrutura de formigón antiga, mesmo anterior ao proxecto 'Abrir Vigo ao Mar', e que, ademais, é allea ao convenio asinado entre Porto e Concello en 1992 para o mantemento de zonas de confluencia entre o Porto e a cidade.

Abel Caballero e parte do seu equipo de goberno
Abel Caballero e parte do seu equipo de goberno | Fonte: Europa Press

Así o explicou o rexedor olívico quen, acompañado por varios membros do seu goberno e do delegado de Zona Franca, compareceu para explicar que a parte do paseo que colapsou a pasada noite estaba sobre unha estrutura de formigón, que foi a que veu abaixo. "Isto non tivo nada que ver coas madeiras que estaban en mellor ou peor situación", precisou.

Segundo o proxecto 'Abrir Vigo ao Mar' do arquitecto Guillermo Vázquez Consuegra, nesa zona da dársena, de uso náutico-deportivo, construíuse un paseo de madeira sobre unha estrutura de formigón "xa existente", como puxo de manifesto o alcalde.

Así mesmo, o rexedor local incidiu en que, "xa estaba ese formigón" cando se executou o proxecto, e tamén cando o Concello e o Porto asinaron o convenio polo que a administración municipal se facía cargo do mantemento de certas zonas.

ZONA PORTUARIA

A ese respecto, Caballero tamén insistiu en que o peirao colapsado pertence a unha zona de uso portuario que, de feito, foi obxecto de concesión ao Real Club Náutico. O alcalde recalcou que así se recolle no propio plan de usos da terminal viguesa, onde tamén se especifica que a zona vinculada á "interacción porto-cidade" é aquela asentada "en terra firme", é dicir, o anaco de formigón á dereita do paseo sinistrado, e a zona dos xardíns de Montero Ríos (ademais da Praza da Estrella e outros espazos).

Parte do peirao do porto de Vigo caíu durante un concerto
Parte do peirao do porto de Vigo caíu durante un concerto | Fonte: Twitter

O Concello formulou alegacións a ese Plan de Usos, na época en que o Porto estaba dirixido por Ignacio López-Chaves, e solicitou que fosen cedidos certos espazos á cidade, aínda que non pediu a cesión desa parte do paseo porque "xa se considera que iso é Porto".

O organismo rexeitou a pretensión municipal, lembrou Caballero, porque mantén que a zona, aínda que sexa de interacción entre Porto e cidade, está vinculada con actividades portuarias náutico deportivas.

"Como vai facer o Concello o mantemento dun peirao do porto desta envergadura?", cuestionou o rexedor quen, no entanto, aseverou: "Non quero asignar culpabilidades nin responsabilidades, simplemente constato feitos".

SEGURIDADE

Con respecto ás condicións de seguridade do evento, o primeiro edil vigués explicou que a organización de O Marisquiño solicitou permiso para celebrar o evento ao Porto, que é "o dono" dese espazo. Ademais, abundou, o organismo portuario mesmo solicitou á empresa un "aval".

No caso do Concello, apuntou, a obrigación municipal é reclamar á organización un plan de autoprotección, que a empresa presentou e que cumpría coa legalidade, polo que se lle deu permiso para realizar o festival. Nese documento reflectíase, entre outras cuestións, a delimitación de espazos para os concertos.

No caso do lugar do accidente, os responsables de O Marisquiño apuntaron a unha capacidade para unhas 5.000 oersoas pero, en aras dunha maior seguridade, estableceron o aforamento máximo en 4.500. Segundo trasladou o alcalde, en ningún caso o aforamento estaba completo cando se produciu o sinistro.

AUSENCIA DE FEIJÓO

Por outra banda, o alcalde de Vigo confirmou que recibiu, tras o sinistro, a chamada do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, así como do Secretario de Estado de Fomento. Pedro Saura confirmoulle que Portos do Estado encargará un informe sobre o sucedido na terminal viguesa.

Así mesmo, Caballero explicou que tamén informou persoalmente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen afeou que non estivese presente no lugar do sinistro a pasada noite. "As responsabilidades virán despois, primeiro hai que estar á beira da xente, e el non estivo onte. Tivese estado ben que viñese, a xente llo agradecería, pero non estivo", lamentou.

Finalmente, o alcalde recalcou en varias ocasións o seu recoñecemento aos equipos de rescate, especialmente aos bombeiros, e tamén aos sanitarios que atenderon aos feridos, a quen visitou ao longo da mañá en diferentes hospitais. "Quero enviarlles un abrazo fortísimo de toda a cidade", proclamou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Carlos Berros

O Charlatán Caballero echando a culpa aos demáis. O de sempre.

1 Gamela

Coma sempre, a culpa foi da xente que bailaba enriba dun paseo espléndido !!! https://flic.kr/p/28Xs97J Pero non esquezamos que Caballero e López Veiga son íntimos amigos á hora de privatizar cantos espazos públicos se achegan á Ría de Vigo !!! As pelexas son simples lumes de San Telmo, por baixo está o negocio privatizador en ámbolos dous casos!!! https://www.google.com/maps/d/viewe...