Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/08/2018 | Actualizada ás 13:59
A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Vigo acordou que tanto policía científica como xudicial realicen "as tarefas necesarias para o esclarecemento" do accidente na clausura do festival O Marisquiño.
Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), entre estas dilixencias atópase a realización de periciais e solicitar diferente documentación de Concello e Porto, así como do organizador do evento, "en especial sobre o plan de seguridade".
Este xulgado atopábase en funcións de garda cando se produciu o accidente e fíxose cargo da investigación aberta para esclarecer os motivos do afundimento do peirao e "as eventuais responsabilidades que se poidan derivar destes feitos".
As dilixencias previas --incoadas após recibir un oficio dando conta do sucedido e un informe fotográfico elaborado pola Policía Nacional-- séguense por unpericiais e suposto delito de lesións imprudentes, sen prexuízo de ulteriores cualificacións ao longo da instrución. Para unha "mellor e máis áxil tramitación da causa", o xulgado decidiu que se abra unha peza separada por cada un dos prexudicados, segundo sinala o TSXG.
PRECINTO DA ZONA
A comisión xudicial, formada pola maxistrada titular do xulgado, a letrada da administración de xustiza e un membro do Ministerio Fiscal, constituíuse este luns pola tarde na zona do suceso para realizar unha inspección ocular.
Após a mesma, a xuíza ordenou non só o precinto da zona que veu abaixo, senón de todo o entarimado por motivos de seguridade. Tan só permanece aberta ao paso unha pequena zona que dá acceso aos pantaláns e que, segundo afirma o TSXG, non supón risco para o público.
EXPERTOS POLICIAIS
Por outra banda, expertos en infografía, enxeñaría e reconstrución en tres dimensións da Policía Nacional elaborarán informes sobre o estado no que quedou o peirao. Así o trasladaron a Europa Press fontes policiais, que sinalaron que dous enxeñeiros da Comisaría Central de Madrid trasladáronse a Vigo para elaborar un estudo sobre a situación na que quedou a parte do paseo colapsada.
Así mesmo, expertos da área de infografía da Policía Nacional realizarán un informe, con axuda de dous drons da Policía Científica, para a reconstrución en tres dimensións do peirao sinistrado. Ao que se sumarán a "extensa reportaxe" fotográfica e videográfico elaborado por axentes da Comisaría de Vigo. Todo este material, porase a disposición do xulgado de instrución número 3 de Vigo, que investiga os feitos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.