Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2018 | Actualizada ás 14:26
En Marea e o BNG pedirán medidas e comparecencia no Parlamento galego e no Congreso para evitar que unha traxedia como a do Porto de Vigo se poida repetir, ao tempo que censuran o "espectáculo" que están dando o concello e a Autoridade Portuaria tras o accidente da madrugada do pasado luns.
Así, a deputada de Anova, pertencente ao grupo de En Marea, Alexandra Fernández rexistrou xa unha petición no Congreso para que a presidenta de Portos do Estado, María Ornella, compareza ante a Comisión de Fomento do Congreso do Deputados para responder sobre o afundimento do peirao de Vigo durante a celebración do Marisquiño.
“Denunciamos a lamentable imaxe que deron ao longo do día do luns o PP e o PSOE, utilizando as institucións como feudos partidarios”, asegura a deputada viguesa Ante o cambio de versión da Autoridade portuaria, Fernández denuncia que isto “non poden ser nin pactos que oculten as responsabilidades nin guerras partidarias, porque ninguna das dúas permitiría esclarecer o sucedido”.
Pola súa banda, o BNG censurou tamén o "lamentable espectáculo" ofrecido polo Concello e o Porto de Vigo. O deputado nacionalista Luís Bará considerou que se debe "aclarar" tanto os motivos polos que a infraestrutura presentaba un "mal estado", que xa fora denunciado previamente polo sector do mar, como o feito de que se permitise celebrar un evento destas características nunha zona sobre a que había "reiteradas" advertencias.
"Incluso o alcalde de Vigo (Abel Caballero) chegou a facer referencia á necesidade de chegar a acordos coa autoridade portuaria para solucionar esta situación", manifestou Luís Bará, que asegurou que, á hora de organizar un evento das dimensións do Marisquiño "é importante" avaliar os "espazos que se van a utilizar", unha competencia que, segundo indicou, a Lei de Espectáculos atribúe aos concellos.
Pero, ademais, dirixiuse ao presidente da Xunta para preguntar se "avala a xestión" do titular do Porto de Vigo, Enrique López Veiga, ou se "prevé a súa substitución" xa que, conforme apuntou, foi o propio Alberto Núñez Fejióo "o responsable directo do nomeamento da Autoridade portuaria de Vigo".
POSTURA DO PSDEG
Por outra banda, preguntada polas críticas formuladas polo BNG ao enfrontamento entre o Concello e o Porto de Vigo, a deputada socialista Noela Blanco considerou que "antes de buscar e sinalar responsabilidades políticas", "o primeiro é que todos os afectados estean nos seus fogares e restablézase a normalidade".
Despois diso, lembrou que hai unha investigación xudicial aberta, que será a que permita aclarar a situación. "É pronto para facer unha primeira valoración, débense dirimir as responsabilidades nos órganos que corresponde", sinalou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.