Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/08/2018 | Actualizada ás 21:00
Amigos da Terra denuncia o desmantelamento dos Servizos Forestais Públicos. Unha situación que din, provoca, que se acumulen máis de 40 anos de fracasos na loita contra os lumes e "unha maior desprotección e un moito maior risco" para os ecosistemas forestais de Galicia e para os propios traballadores forestais.
Nun comunicado, Amigos da Terra lembra que, desde a súa aprobación, o PLADIGA 2018 segue sen ter en consideración as situacións meteorolóxicas que se producen ao longo do ano. "Séguese coa teima e coa tradiciónal definición da época de máximo risco ampliada este ano ata o 31 de outubro", indica. Así, lembra que os incendios forestais non teñen data fixa no calendario e apunta que o incremento do número de incendios forestais, a situación pola que están a pasar os nosos ecosistemas forestais e o propio cambio climático obrigan a que o operativo de prevención e extinción de incendios forestais se poida expandir ou contraer en función das necesidades reais que se produzan en cada momento.
"Hai incendios que cando se sabe deles xa teñen unhas dimensións considerables cun maior risco de propagación, maior risco para as persoas e os bens, incremento dos custes de extinción…Non se poden ter pechadas casetas/torretas de vixilancia dos ecosistemas forestais sendo sustituidas en moitas zonas exclusivamente por cámaras", indica a entidade ecoloxista nun comunicado.
Deste xeito, suliña que a vixiancia ao traveso dos postos fixos segue sendo o "mellor e máis eficaz método de vixiancia e prevención de incendios". "Os vixiantes son habitualmente da zona e coñecen os lugares e teñen unha gran experiencia na detección inmediata e a interpretación da vexetación que está ardendo inicialmente", engade.
CRÍTICAS
Tamén critica que non se están cubrindo tódalas baixas do persoal de prevención e extinción propias (brigadas da Xunta de Galicia tanto fixos como fixos-discontinuos), nin nas brigadas da empresa pública SEAGA e denuncia que na precampaña do 2018 en días de “risco extremo” entraron brigadas con só un compoñente.
Por iso cre que o convenio coa FEGAMP é un xiro de 180 graos na política de prevención e extinción de incendios forestais da Xunta de Galicia e "un paso atrás na imprescindible profesionalización duns traballos de alto risco".
Amigos da Terra denuncia que o actual sistema non cobre as baixas de axentes forestais, incide na infrautilización de medios e recursos, incumpre o “Plan de Prevención de Riscos Laborais” e dos “Plans de Acción” a levar adiante nos servizos forestais públicos da Xunta de Galicia. Ademais, critica que na maioría dos Distritos Forestais non hai reunións para alomenos subsanar os erros que se producen e que os traballos de prevención de incendios (áreas cortalumes, devasas, faixas auxiliares de pistas e camiños, desbouzados, faixasde xestión de biomasa…), non se realizan ao seu debido tempo.
Tamén critica o convenio de colaboración coas forzas armadas para a prevención de incendios forestais porque "non cumpre cós seus obxectivos" e lembra que o informe elaborado polo Consello de Contas no 2016 debería facer reflexionar porque recolle que se adica máis dun 70% a extinción de incendios forestais e un escaso 30% a prevención ou políticas de desenvolvemento dos ecosistemas forestais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.