Por Alicia Casas | Santiago de Compostela | 28/08/2018 | Actualizada ás 22:14
Para sermos conscientes de que un fenómeno ocorre hai que demostrar que ocorre no propio territorio. Que non é Florida, nin é Hawai, nin é Bangladesh, que tamén nós. Que hai evidencias e hai preguntas que non deben quedar sen respostas porque máis do 56% da poboación galega vive en concellos costeiros e a costa representa só o 17% do terriotrio total. Zona densamente poboada son, á baixa, os 1500 quilómetros de costa galega. Aí están os portos, o marisqueo, as praias. Pero aumenta a temperatura do ar que aumenta a temperatura da auga, e aumenta o nivel do mar, e cambia o réxime de ventos. O nome é "cambio climático" e toda a evidencia acumulada di que é o home con máis do 99% de probabilidades. No 1%, á alza, debe ser no que se apoian os negacionistas.
O clima está a cambiar e as evidencias tamén as recollen as Rías Galegas. Diso é do que nos fala Xosé Antón Álvarez Salgado, investigador do CSIC Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo. Do océano como "gran amigo da Humanidade". Do papel tan fundamental que ten xogado e xoga para intentar establecer de novo o equilibrio. De que "nin é capaz, nin é gratis".
E a primeira evidencia de que non é gratis é que nos últimos 117 anos a temperatura da auga fóra das rías, na plataforma continental galega, aumentou un grao. Pouco parece pero non pouco é, porque "a auga é o fluído máis difícil de quentar e un grao é moito". E a temperatura non aumenta de xeito lineal senón que "dende 1970 se ten intensificado". Hai unha aceleración no quencemento da auga e ten que ver coa poboación humana.
E é que a mesma auga fría que molesta aos turistas é a responsable de que as rías galegas sexan tan ricas. Do fenómeno do afloramento; da auga fría rica en nutrientes que alimenta aos mexilóns, ás sardiñas, ao polbo. Auga fría que este verán alcanzou os 20, 21 e 22 graos porque non houbo vento do norte. "Por non haber non houbo vento nin do norte nin do sur", matiza, pero a dirección dominante do vento no verán é do norte. Porque as nortadas son as responsables das nosas augas frías e ricas pero "o que se ten visto é que a intensidade e a persistencia das nortadas cada vez é menor". O investigador explica que hai ciclos duns dez anos que teñen que ver coa Oscilación do Atlántico pero que, aínda téndoos en conta, "no ano 1975 foi cando máis nortadas houbo e ese pico non se volveu a ver, non se deu recuperado".
Que caia o vento non só implica que haberá menos afloramento e a ría será se cadra menos produtiva. Implica que a ría tardará máis en renovarse, que a circulación será máis lenta. Que será moito máis vulnerable "por exemplo se hai un verquido de petróleo ou un verquido de augas fecais". Algo que "pode pasar aquí".
"Os alcaldes, os políticos en xeral, funcionan a golpe de eleccións e o cambio climático non"
Rexistrado tamén está o nivel do mar, que mostra que dende o 1945 ata o 2012 subiu 16 centímetros. 2'4 centímetros por década, "un pouco máis do promedio que se vén observando polo mundo adiante pero dentro do promedio", sinala. Parecerá de novo pouco pero "por cada centímetro que sobe o nivel do mar pérdese un metro de praia": "a praia da Lanzada ten hoxe 16 metros menos que no ano 45". É dicir: o mariscador ten 16 metros menos de areal, o veraneante 16 metros menos para deixar a toalla. E "unha estrutura portuaria que antes era segura os 365 días do ano agora igual non o é" porque "olas que antes non pasaban poden empezar a pasar e o porto perderá seguridade". Sen esquecer os efectos de tipo ecolóxico, xa que zonas coma os humedais "que antes tiñan unha salinidade de río, agora teñen unha salinidade moito máis alta e especies que antes vivían nesa parte do río agora migrarán río arriba".
Será que hai que desentenderse ou comezar a preocuparse. Porque como vai circular a ría? Como vai afectar ao turismo? Como vai a afectar ao marisqueo? Cal vai ser a temperatura? Seguirá sendo o cultivo do mexilón a produción estrela ou haberá problemas? "Alguén ten que pensar nisto, non precisamente os científicos", di. Porque o político terá que poñer os fondos para a investigación ou, pola contra, serán elucubracións máis ou menos acreditábeis. Pero "os alcaldes, os políticos en xeral, funcionan a golpe de eleccións e o cambio climático non".
CONSECUENCIAS NOS CULTIVOS
Saber se o mexilón seguirá sendo a produción estrela é unha das preguntas fundamentais. El chámaa "a verdadeira acuicultura" porque no cultivo do mexilón "es un verdadeiro agricultor": sementas, deixas que medre e recolles. Porque "é o propio medio o que lle da de comer". Pero a agricultura é moi dependente do clima e, aínda que non é tempo da avaliación anual, "a boa alimentación do mexilón depende de que haxa nortadas" e non cre que este ano "alcancen un rendemento alto".
"Dun currunchiño perdido no Fisterra sae o 20% do mexilón que se produce no mundo"
Habería que pronosticar se, no futuro, o cambio climático terá consecuencias graves neste cultivo. Porque "o clima non o podes cambiar pero si podes adaptar as infraestruturas". Pero para o científico é precisamente na predición climática onde non se ten investido, porque "fai falta unha escala espacial axeitada para estudar o problema de rías". Para estudar un cultivo tan importante como é o mexilón: "as Rías Galegas producen o 20% do mexilón mundial e o 40% do mexilón europeo. Dun currunchiño perdido no Fisterra sae o 20% do mexilón que se produce no mundo".
Esta entre outras preguntas como se interesará saber se vai ser posible explotar especies novas de interese, xa que o incremento da temperatura en augas galegas provoca que aparezan con frecuencia novas especies de carácter tropical. O xurelo azul, o xurelo dentón, a barbada das Azores, a bertorella rosada, o escacho espiñento, o choupón...son algunhas destas especies.
GAIA, NAI TERRA
"Estamos a utilizar o que Nai Terra sepultou a unha velocidade á que non é capaz de absorber de novo"
Habería que volver ao principio. A como "cada ano, cada ano, cada ano" a queima de combustibles fósiles desprende Co2 á atmosfera. Á acumulación de enerxía, ao desequilibrio. Porque "a velocidade á que se mete calor é maior que a velocidade á que se equilibran océano e atmosfera". E "o océano ten xogado un papel fundamental para intentar reequilibrar o sistema pero non é capaz. Fai o que pode, tense levado un 40% pero non dá feito. Nós xeramos dióxido de carbono a unha velocidade moi superior á que o océano é capaz de disolvelo", di. Porque a atomosfera transfire calor e dióxido de carbono aos nosos océanos e ten un prezo: o outro gran problema do cambio climático é a acidificación.
"O CO2 está facendo que o océano se volva máis ácido e iso pode afectar aos organismos que teñen carbonato cálcico, como o mexilón, que poden ter moita dificultade para facer as súas estruturas ou chegar un momento no que non sexan capaces de facelas", explica. Pero un océano máis ácido non só inflúe nos organismos calcáreos, senón que afecta a practicamente todos os organismos vivos. Na respiración, na mobilidade, nos órganos sensoriais...
Xosé Antón Álvarez Salgado fala de Gaia, a nai Terra. A hipótese segundo a cal a Terra autorregúlase. E o océano sería precisamente un mecanismo de defensa, o gran amigo da Humanidade inténtao pero "non é capaz". Aí debe haber unha metáfora: "Gaia fíxose un depósito de combustibles fósiles, de restos, de cousas que non lle interesaban. E nós sacamos iso e puxémolo a funcionar a unha velocidade brutal. A metáfora é que estamos a utilizar o que Nai Terra sepultou a unha velocidade á que non é capaz de absorber de novo".
ACTUAR
Co obxectivo de deseñar estratexias de actuación contra o cambio climático máis de 80 investigadores, entre os que estaba Xosé Antón Álvarez Salgado, elaboraron o libro "Evidencias e impactos del cambio climático en Galicia". Foi en 2007-2008, co anterior goberno. Despois chegaron as eleccións: o libro imprimiuse pero non chegou a ser distribuído. Soamente os investigadores o teñen nas súas mans.
Agora, nove anos despois, a Xunta puxo en marcha a chamada "Estratexia 2050": un documento base que serviría para establecer a forma de proceder ante o cambio climático "aínda que non temos aínda a ferramenta e non sabemos a aplicación práctica que vai ter. Precisamos predicións a escala espacial de interese, das rías. E iso vai ser caro pero se o queremos ter, temos que pagalo". Xosé Antón Álvarez Salgado tamén recorda o manifesto do 1992 que asinaban máis de 15.300 científicos e que el mesmo asinou. Manifesto que acababa así:
"Precisamos a axuda de moitos. Precisamos a axuda da comunidade mundial de científicos: natural, social, económica, política. Precisamos a axuda dos líderes comerciais e industriais do mundo. Precisamos a axuda dos líderes relixiosos do mundo. E precisamos a axuda dos pobos do mundo. Chamamos a todos a unirse a esta tarefa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.