Estas son as dez praias máis populares de Galicia en Instagram

Onde se toman máis fotografías os galegos e galegas no verán? O buscador de alugueiros e apartamentos Holidu levou a cabo un estudo para revelar cales son as praias máis etiquetadas de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/08/2018 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

"A popularidade dun destino vacacional en Instagram é un criterio decisivo para as
xeracións E e Z á hora de decidir onde viaxar",
afirma Andrés Parella, portavoz do motor
de procura de alugueres estivais Holidu. E é que as imaxes do destino nas redes teñen cada vez máis peso na elección dos viaxeiros que reservan online. Os turistas escollen aloxamentos, actividades, bares e cafetarías que realcen as súas fotos, vídeos ou boomerangs. E o efecto chamada causado polas redes impulsa significativamente o turismo en determinadas rexións. Ademais, estas plataformas son un escaparate das novas tendencias que xorden en todo o relativo ás viaxes.

Praia das Catedrais
Praia das Catedrais

Así, en base ao número de hastags empregados en Instagram relativos a cada praia, o comparador Holidu elaborou esta clasificación. Pontevedra é a provincia con máis praias no top 10, con seis delas; mentres que A Coruña coloca a tres das súas praias neste ranking. Lugo só consigue coar unha das súas praias, pero As Catedrais é a máis popular de todas con moita diferenza. 

1. ​Praia de As Catedrais​, Ribadeo: ​23.942​# 

A xoia da Mariña Lucense conquista os corazóns dos instagrammers e faise
cun indiscutible primeiro posto, case 20.000 mencións por encima da segunda do ranking. A fermosa praia debe o seu nome ás formacións rochosas que descansan sobre ela, que lembran aos arbotantes das catedrais góticas e constitúen o seu principal atractivo. Porque máis que unha praia para broncearse ou darse un mergullo, As Catedrais é un monumento natural que sorprende pola súa beleza. 

Só se poden ver os arcos con marea baixa e cómpre ir con tempo, xa que poden formarse colas para acceder, especialmente en vacacións e festivos, días nos que ademais pode restrinxirse o acceso á praia, sendo necesario comprar unha entrada

Veraneantes na praia de Samil de Vigo
Veraneantes na praia de Samil de Vigo | Fonte: wikimedia hombredhojalata

2. ​Praia de Nemiña​, Muxía: ​4.254​#

En segundo lugar, a unha distancia considerable, sitúase a praia de Nemiña cos seus 2.000 metros de area fina e as súas augas cristalinas. Destaca por ser, ao mesmo tempo, o deleite dos amantes do surf, percebeiros e naturalistas. A praia, en forma de enseada, está na
desembocadura do río Castro, rodeada por unha contorna natural que proporciona o escenario perfecto "para unha foto de escándalo". Ademais, adoita acoller campionatos de surf.

3. ​Praia de Samil, Vigo​: ​2.552​#

A terceira do ranking é a praia para familias por excelencia de Vigo, e tamén a máis extensa da localidade, coas súas máis de 1.000 metros de area. Ademais, ten: piscinas, pista de patinaxe, canchas de baloncesto, aparcadoiro gratuíto, restaurantes e zonas verdes. Samil cobra vida cada vez que sae o sol e ademais está moi ben comunicada co centro con transporte público (Liñas de autobús L10 e C15).

4. ​Praia de Perbes, Miño: ​2.266#​

Máis de 500 metros de area fina e branca situada no municipio de Miño, declarado de Interese Turístico. A súa situación privilexiada resgárdaa do vento e fai que as súas augas sexan tranquilas e frescas. Conta con aparcadoiro, servizos, duchas, bares, restaurantes e servizos de limpeza. Ademais, a uns 8 quilómetros de distancia, atópase o municipio costeiro de Pontedeume. E un pouco máis ao leste atópase o Parque Natural das Fragas do Eume , que acolle as fragas costeiras mellor conservadas de Europa e un dos escasos bosques Atlánticos do continente. 

5. ​Praia de Riazor, A Coruña: ​1.945​#

Praia natural, de ondada moderada, situada en pleno centro da cidade e  integrada na urbe mediante un fermoso e coidado paseo marítimo. A area é grosa e a auga fresca, o cal non impide que sexa unha praia moi concorrida e perfecta para practicar tanto surf ou outros deportes marítimos. A paisaxe, entre o natural e o urbano, convértea nun atractivo para os obxectivos dos instagrammers.

6. ​Praia de Rodas, Illas Cíes: ​1.678​#

A sexta da lista é unha praia laureada internacionalmente. Elixida en febreiro de 2016 como a mellor praia do mundo polo diario británico The Guardian, a Praia de Rodas conta con máis dun quilómetro de lonxitude directamente xunto ao peirao, o que permite acceder a pé facilmente e sen percorrer grandes distancias. É unha praia que se presta moi ben para un plan en familia e ten area fina e branca con augas cristalinas cor esmeralda. Está dotada de servizos públicos e restaurantes e vén cun engadido extra; unha zona de dunas naturais. As oportunidades para conseguir unha foto especial multiplícanse.

7. ​Praia do Ancoradoiro, Bueu: ​1.306​#

A seguinte da lista é unha praia de areas brancas e finas, de 1.000 metros de lonxitude e cunha ondada tranquila de augas transparentes. É unha praia á que se pode acceder facilmente, o cal non lle impide conservar a paisaxe natural de arbustos e rocas que lle dá todo o seu encanto. Non é de estrañar que sexa un espazo protexido.

8. ​Praia da Lanzada, O Grove​: ​1.234​#

Cos seus máis de 2 quilómetros de areas brancas e finas, a Praia da Lanzada, no Grove, é unha das máis emblemáticas do litoral galego e unha auténtica gozada para os amantes da natureza. Está rodeada de rocas a ambos os dous lados e conta ademais dunha zona de dunas poboadas de flora e fauna, cun dos ecosistemas dunares máis completos do litoral galego. A praia tamén se presta para a práctica de numerosas actividades deportivas: bodyboard, surf, windsurf, paddle surf, kitesurf, ou a pesca deportiva.

9. ​Praia de Barra, Cangas: ​1.037​#

Non vas ter problemas para chegar, xa que se trata dunha praia á que se pode acceder
facilmente a pé. Podes facer unha idea da beleza natural de Barra ao coñecer que está
situada nun espazo protexido, Cabo Home. Nesta praia está autorizado o naturismo. 

10. ​Praia de Silgar, Sanxenxo​: ​943​#

Situada no corazón da Vila de Sanxenxo, entre o porto deportivo e a punta Vicaño, esta praia de area fina e branca e augas serenas conta ademais cun fermoso paseo marítimo que a integra na zona urbanizada. É unha praia moi frecuentada que conta con todo o equipamento de rigor: servizos, duchas, vestiarios, quioscos, aluguer de antucas e tumbonas, etc. Pódese chegar a pé desde o centro urbano e conta mesmo con ramplas para facilitar o acceso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta