Por Galicia Confidencial | Lugo | 03/09/2018 | Actualizada ás 10:36
A entidade ecoloxista Acopo Fauna ven de solicitarlle á Dirección Xeral de Patrimonio Natural que blinde os lugares de cría do lobo para protexelos de perturbacións que poidan afectar negativamente "ao éxito reprodutivo e á supervivencia dos cachorros".
Así, lembra que este ano, novamente, os lugares de cría do lobo sufriron o acoso dos furtivos, e molestias por rozas, tallas, batidas de caza, incendios ou a instalación de cercados e obras. Accións, di, que tiveron como consecuencia que polo menos 4 grupos reprodutores fuxiran cos cachorros buscando un refuxio seguro.
"Este tipo de trastornos provocan que os lobos teñan que improvisar, buscando un novo refuxio, e transportando aos seus cachorros de poucos meses de vida nun momento no que son moi vulnerables ante calquera ameaza", apunta a entidade nun comunicado.
Por iso, reclama que se limiten as actividades que provoquen perturbacións en polo menos 2 quilómetros do lugar de cría. Tamén pide atrasar a autorización de batidas até o mes de novembro cando os cachorros xa acompañan aos seus pais nos desprazamentos polo seu territorio e vixiar os lugares de cría contra o furtivismo.
Finalmente, reclama non permitir tallas, rozas, nin obras que provoquen alteracións no lugar de reproducción dos lobos para conservar a especie. "É urxente implementar accións destinadas a protexer ao lobo nun dos períodos chave do ano, a época de reprodución, cando están máis indefensos", conclúe ao tempo que lembra que "a inmensa maioría da sociedade está a favor da conservación do lobo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.