Abel Caballero segue rexeitando a comisión de investigación: "Non nos fiamos de PP, BNG e En Marea"

Cualifica de "patético" que Feijóo "asigne responsabilidades" sobre o accidente, ignorando que o peirao "é do Porto".

Por E.P. | VIGO | 10/09/2018 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reiterou este luns o seu rexeitamento á constitución dunha comisión de investigación política sobre o accidente de O Marisquiño, e proclamou que apoia investigar "até as últimas consecuencias" a condición de que o fagan xuíces e fiscais. "Non nos fiamos de PP, BNG e Marea", engadiu.

Caballero insiste en que a investigación debe ser xudicial. Europa Press
Caballero insiste en que a investigación debe ser xudicial. Europa Press | Fonte: Europa Press

Nunha rolda de prensa celebrada no Concello de Vigo, o rexedor, quen nas últimas semanas cedeu ao concelleiro de Seguridade a portavocía do goberno para todo o relacionado co accidente, tomou a palabra para responder directamente as manifestacións realizadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha entrevista na Cadena Ser.

Abel Caballero, tras volver criticar a ausencia de Núñez Feijóo na noite do accidente, denunciou que o presidente galego "parece querer dicir" que o Concello de Vigo non quere que se investigue o accidente. "Xa están a investigar xuíza e fiscal, aos que eu ofrecín todo o apoio, porque quero que se investigue até as últimas consecuencias, pero por xuíces e fiscais, que é de quen nos fiamos todos, quen merecen todo o noso respecto pola súa imparcialidade", proclamou.

O alcalde acusou aos grupos que apoian unha comisión de investigación no Parlamento de pretender pór en práctica "unha pantomima". "Non nos fiamos de PP, BNG e En Marea investigando, xa sabemos o que van dicir", sentenciou, e criticou que estas formacións políticas uníronse "nunha gran alianza para facer oposición a Vigo desde o Parlamento", polo que lles augura un "castigo severísimo" na cidade olívica nas próximas eleccións municipais.

Ademais, Abel Caballero denunciou que Feijóo é un presidente "enfermizamente mentireiro contra Vigo", e que a cidade "nin o quere nin o respecta". Segundo o rexedor, "o que lle pasa a Feijóo" é que "non soporta" que a cidade avance, "mentres que A Coruña, onde vive, e Santiago, onde ten o seu despacho, están paralizadas".

IGNORAR AO PORTO

Por outra banda, Abel Caballero cualificou como "patético" a Núñez Feijóo por "asignar responsabilidades" sobre o accidente de O Marisquiño, apuntando ao goberno municipal, pero sen mencionar en ningún momento que o peirao colapsado "é un peirao náutico deportivo, competencia exclusiva do Porto". "Para que vai haber unha comisión de investigación se el xa asigna responsabilidades? Seica quere que o Parlamento ratifique a súa opinión?", cuestionou o alcalde.

Así mesmo, criticou que o presidente galego tampouco mencionou que a estrutura de formigón que se derrubou é "15 anos anterior" ao convenio de 'Abrir Vigo ao mar', que asigna ao Concello o mantemento do paseo. "É patético escoitarlle falar do afundimento de rúas, ignorando que o que se afundiu foi un peirao competencia e responsabilidade do Porto. En toda a entrevista non fixo nin unha referencia ao Porto de Vigo", criticou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta