Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/09/2018 | Actualizada ás 13:46
A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADG), con sede en Vigo, convoca tres días de folga para esixir a restitución dos seis postos de traballo perdidos nos últimos dous anos Así mesmo, tamén se denuncia o que se considera un "comportamento hostil e arbitrario" do inspector encargado do centro, ao que os traballadores consideran "responsable das decisións de recortes de persoal e empeñado en tratar a ESADG como un instituto de Secundaria, sen ter en conta as especificidades dos estudos que nela se imparten equivalentes ao grao universitario".
Os traballadores aprobaron por maioría convocar para a semana que vén tres días de folga en protesta porque nos últimos dous anos se consumou a perda de seis postos de traballo. En concreto, para este curso académico a dirección do centro reclamaba tres novas vacantes e a Consellería, tras o informe do funcionario da inspección educativa, non só non concedeu ningunha senón que eliminou outras tres adxudicando só 34 interinidades, cando en 2014 chegou a contar con 42.
Esta decisión chegou nun momento no que, segundo os traballadores, se incrementou considerablemente o número de alumnado matriculado nos primeiros cursos e no que en certas especialidades como dirección escénica ou dramaturxia, após os peores anos da crise económica, xa está estabilizado.
O claustro do centro atribúe estas decisións ao que, di, é o "particular asañamento" do inspector encargado desta área, Gustavo Lorenzo Prozzo, que "se manifesta na intromisión nas prazas solicitadas, cambiando nalgúns casos o seu perfil, no acoso aos cargos directivos e no menoscabo á autoridade do profesorado".
Así mesmo, acúsano de "aplicar a normativa dun instituto de Secundaria nun centro no que se imparten estudos superiores", equivalentes ao grao universitario coas particularidades que teñen estas ensinanzas.
A CIG-Ensino apoiará durante estes tres días de folga as diversas concentracións de protesta, organizadas polo persoal da ESADG, para reclamar a adxudicación das vacantes solicitadas e que se celebrarán nos seguintes lugares: o luns 17, concentración ás 12.00h diante do Edificio da Xunta en Vigo, e o martes e mércores, concentracións ás 11.00h na Xefatura Territorial de Pontevedra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.