Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2018 | Actualizada ás 15:22
O festival galego de música negra 'Outono Códax Festival' arrincará a súa oitava edición o vindeiro venres 19 de outubro, cun ciclo de cinco grandes concertos que combinará sons do soul, o rythm&blues, o swing, o funk e o rock'n roll clásico. O evento, que conta co patrocinio de Martín Códax e a colaboración de Pousadas de Compostela, así como de case un centenar de establecementos hostaleiros e comerciais asociados, convoca aos seus fans para os días 19 de outubro; 9, 10 e 24 de novembro; e 27 de decembro.
No cinco citas participarán algunhas das "mellores referencias do xénero" a nivel internacional, estatal e galego, con cinco bandas inéditas até o momento en Galicia, tal e como apuntou a propia organización do festival. Este ano, ademais, botará o peche cun concerto homenaxe á raíña do soul, Aretha Franklin, con catro das mellores vocalistas femininas da escena soul estatal. As entradas terán un prezo de 20 euros --máis gastos-- en venda anticipada, e de 24 euros en despacho de billetes. O festival tamén ofrece un abono para todos os concertos por 40 euros --máis gastos-- en venda anticipada en setembro, e de 48 euros --máis gastos, a partir do 1 de outubro--.
O público interesado en adquirir as súas entradas en venda anticipada poderá facelo xa na Reixa Tenda (Santiago), Honky Tonk e Discos Elepe (Vigo), Discos Portobello (A Coruña), Peggy Records (Ourense) e a través das plataformas electrónicas Ataquilla.com, Ticketea e na propia web da Sala Capitol. Así mesmo, do mesmo xeito que en edicións anteriores, o 'Outono Códax' porá en circulación o denominado 'Rock'nporte', un pasaporte directo e gratuíto aos concertos para aquelas persoas que realicen consumicións ou compras nos case 100 establecementos hostaleiros e comerciais que colaboran co festival.
THE TIBBS E THE RAD TRADS, 19 DE OUTUBRO
Deste xeito, o vindeiro venres 19 de outubro serán dúas das bandas "máis carismáticas do actual panorama internacional", The Tibbs e The Rad Trads, tal e como as cualificou a dirección do evento, as encargadas de abrir o festival na emblemática Sala Capitol de Santiago de Compostela, que será un ano máis a sede principal do 'Outono Códax'.
En concreto, The Tibbs, discípulos do Northern Soul e coñecedores dos fundamentos do funk, son "unha das mellores bandas da escena retro soul europea", segundo sinalou. Chegan dende Ámsterdam por primeira vez a Galicia coa voz de Elsa Bekman á fronte, comparada pola crítica internacional coa de Janis Joplin. Pola súa banda, The Rad Trads, grupo neoiorquino, converteuse "nunha das formacións máis excitantes" chegadas dende o outro lado do Atlántico, cun estilo ecléctico que recolle influencias variadas da denominada música americana.
LUKE WINSLOW KING, 9 DE NOVEMBRO
O 'Outono Códax' tamén prestará atención este ano a unha das peticións máis repetidas dos seus seguidores dende 2016: o regreso do preciosista Luke Winslow King ao festival, cun concerto con este músico chegado dende Nova Orleans. O concerto será un acústico gratuíto e aberto --até completar aforamento-- na Sala Riquela de Santiago.
Presentará o seu último traballo, 'Blue Mesa', o seu quinto disco en estudo que xa foi considerado pola crítica como unha das edicións discográficas "con máis clase do que vai de ano", tal e como apuntaron os organizadores do festival.
MARTA REN & THE GROOVELVETS E MAREN LADSON, 10 DE NOVEMBRO
Outra das grande voces femininas do xénero en Europa, procedente de O Porto, Marta Ren, acompañada dos seus incondicionais The Groovelvets, alagará a Sala Capitol o próximo 10 de novembro, cunha actuación por primeira vez en Galicia.
A ela súmase outra gran vocalista e autora feminina, que redondeará esta segunda noite de concertos, Maren Ladson. "Segue resultando incrible que alguén grave un primeiro disco con apenas 19 anos e presente este nivel de imaxinación compositiva, profundidade nas letras e capacidade de interpretación", destacaron os organizadores.
NATTY CONGEROO E J.P.BIMENI & THE BLACK BELTS, 24 DE NOVEMBRO
A noite "máis explosiva" será a do sábado 24 de novembro, xa que o 'Outono Códax' presenta unha cita obrigada cos británicos Natty Congeroo & The Flames of Rhythm e o burundés afincado tamén en Reino Unido, J.P. Bimeni e os seus The Black Belts. Os primeiros son "unha das bandas de swing máis importantes do xénero non só a nivel europeo, senón tamén mundial", resaltou a dirección do festival. Formación obrigada nos principais festivais internacionais do planeta e que completarán así a súa primeira actuación en Galicia.
Polo que respecta a J.P. Bimeni, é un artista de Burundi considerado unha das grandes promesas do soul británico. Cunha incrible historia de superación persoal, é un músico autodidacta que comezou a tocar en 2002 con tan só unha guitarra nos locais londinienses de talentos.
ARETHA SOUL DIVAS & THE SILVERBACKS
Ademais, o festival galego de música negra botará o peche á súa oitava edición cun último concerto homenaxe a Aretha Franklin. Así, o 27 de decembro, catro das mellores vocalistas da actual escena soul estatal, renderán tributo á raíña do soul. Mayka Edjole (The Sweet Vandals), Shirley Davis (Shirley Davis & The Silverbacks), Juno (Juno & Darrell) e Astrid Jones (Astrid Jones & The Blue Flaps) destilarán coas súas "impresionantes voces" os éxitos da máis grande dama do soul, "nunha das noites que promete ser a máis especial do festival".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.