Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2018 | Actualizada ás 22:00
Os lumes de 2006 puxeron en cuestión se o aparello creado ata o momento polo goberno autonómico, era dabondo ou todo o áxil e útil que esperaban del. Tendo en conta que xa se tiña en funcionamento o Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, apuntouse á Consellería de Medio Rural, daquela dirixida por Alfredo Suárez Canal no bipartito PSdeG-BNG, de estar creando un “chiringuito” ou entidade que permitise, naquel momento, introducir persoal no entramado público galego que fose afín ao BNG.
Entre outras cousas, SEAGA foi creada para para prestar servizos que tivesen relación con “materias forestais, especialmente as relacionadas coa prevención e loita contra os indencios”, ademais de elaborar plans de actuación e consultoría técnica e formativas de cara a prevención e extinción de lumes forestais, todo tal como di o decreto 260/2006, do 28 de decembro.
PUNTUACIÓN E MODIFICACIÓN DO DECRETO
Peter Brea, da CIG en SEAGA, di “levamos doce campañas na extinción de incencios forestais, nunha empresa pública e o que temos de palabra é retirar a encomenda a SEAGA de incendios, e promesa que entrariamos no Servizo de Prevención contraincendios de Galicia”. O caso é que o decreto que creaba SEAGA facía que as ata daquela brigadas municipais de extinción desaparecesen e se integrasen na nova empresa. “O decreto modificouse para que volvesen as brigadas municipais e quen traballase nelas tería puntuación para entrar en postos da Xunta” di Brea.
No momento que se modificou o decreto, máis de 1.800 persoas pasaron a traballar nas brigadas municipais, quedando SEAGA con 528 persoas. “Para que esta xente poda puntuar e entrar dentro do servizo contraincendios da Xunta, habería que modificar outra vez o decreto e así poderen puntuar” aclara Brea. A cuestión é que para levar adiante a nova modificación do decreto, deberíanse reunir os sindicatos con representación en Función Pública da Xunta de Galicia e representantes do ente autonómico que é quen pode darlle o visto e prace ás negociacións para a modificación.
A modificación que se fixo no decreto de creación de SEAGA “quería que as 2.000 persoas que traballaban daquela, non tivesen o carácter de fixos discontinuos, por iso rebaixaron a encomenda (os traballos encomendados) e moita xente foise para as brigadas municipais” di Diana Rodríguez de CIG-Servizos.
O elemento clave é a puntuación que tería o persoal de SEAGA para entraren en probas do Servizo de Prevención e Extinción da Xunta, 0.45 puntos por período traballado ou 0.25. Houbo dúas reunións previas á que se realizou o martes 19 de setembro de 2018. “Na primeira non houbo un acordo claro, así que cando decidimos ir á folga, houbo unha segunda reunión coa Secretaria Xeral de Medio Rural, o director xeral de Xestión Pública e o xerente de SEAGA, que explicaron as intencións e folla de ruta e tampouco tivemos nada por escrito”. O caso é que na reunión do 19 de setembro estaban os sindicatos de Función Pública pero non había ningún representante da empresa de Servizos Agrarios.
REUNIÓN DO MARTES 19 DE SETEMBRO
Zeltia Burgos, tamén de CIG-Servizos, sobre a reunión di que “queremos ver sobre papel que se abrirá paso para esas máis de 500 persoas con puntuación”. Pero preguntada se todo este movemento levaría á extinción do Servizo, Zeltia Burgos di “non, porque lle reforzarán os labores, como anunciou a conselleira, entre outras a de prevención, traballos nas faixas de prevención de incendios, os orzamentos de 2019 non varían”.
Curiosamente a CIG e outros sindicatos non estaban a favor da creación de SEAGA, pois apostaban por un servizo único de extinción. “Pero alegrámonos que nesta reunión se teña o compromiso por parte da Xunta de crear 500 prazas para servizos de prevención en Medio Rural dentro do Servizo de Extinción” di Burgos. Ademais tamén se busca ampliar o período de traballo de tres a nove meses para ampliar as tarefas de prevención. Todo isto claro, “querémolo ver por escrito” remarca Burgos. Así terían o recoñecemento dunha puntuación para poderen entrar en listas da Xunta e traballaren.
POSTURA DE MEDIO RURAL
Galicia Confidencial púxose en contacto con Medio Rural para termos coñecemento da postura desta consellería. Desde ela remitiuse unha resposta na que apuntaban: “Está aberto un proceso negociador cos representantes dos traballadores de Seaga no que se accedeu a analizar todos os puntos expostos por eles”. Dita negociación abordará “a posibilidade de valorar o tempo dos servizos prestados polos empregados desta empresa pública á hora de solicitar o seu acceso ao Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF)”.
Logo sinalan que “existe o compromiso por parte da Xunta, de manter o volume de traballo para Seaga mediante a correspondente encomenda, neste caso para tarefas de prevención durante o mesmo período de catro meses”. Isto faríase nun marco de convenio a tres bandas (Medio Rural, Fegamp e Seaga) para o mantemento das franxas de xestión de biomasa perto dos núcleos de poboación. E insisten “o Goberno galego comprometeuse a manter esa carga de traballo para Seaga, aínda que sexa para desenvolver outro tipo de funcións (neste caso prevención, en troques de extinción)”.
Pero o máis importante e que interesa aos traballadores e traballadoras “compre insistir en que os traballadores desta empresa poderán optar ao proceso de ns de empregados públicos do SPDCIF nunha posición bastante vantaxosa, caso de aceptarse a súa demanda de computar esa experiencia, algo no que a Xunta mantén unha postura receptiva”.
Pero cómpre lembrar que existen diferenzas entre sindicatos, pois o número ou contía da puntuación varía segundo a forza sindical, ademais das discrepancias entre se deberían ser considerados traballadores da Xunta ou non. Entre mentres, está polo menos a intención da Xunta de querer negociar e a folga de SEAGA para asegurar tanto carga de traballo, aumento do tempo de traballo e a puntuación para entraren en listas de contratación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.