Galicia ten o mesmo patrón de desenvolvemento económico desigual centro-perifera que España

Economistas da Universidade da Coruña sinalan a AP-9 como elemento clave para explicar a distribución espacial da actividade económica nas comarcas galegas, cun centro económico conectado por esta autoestrada e a periferia discriminada na Galicia oriental.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/10/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia está dividida administrativamente en 53 comarcas repartidas nas catro provincias cun nivel de desenvolvemento económico moi desigual. A alta concentración da poboación e do PIB nun espazo moi definido como é o Arco Atlántico mostra que en Galicia se repite o mesmo patrón de desenvolvemento económico desigual centro-periferia que caracteriza a España no seu conxunto.

Planta de PSA Citroën en Vigo
Planta de PSA Citroën en Vigo | Fonte: citronoticias.com

A diferenza do caso galego respecto ao modelo estatal atópase desde unha perspectiva xeográfica, cun patrón “occidente-oriente”, onde as comarcas situadas na parte occidental de Galicia funcionan como centro e as orientais como periferia e discrminadas.

Esta é a principal conclusión dun estudo feito por Jesús López Rodríguez e Guillermo Manso Fernández, do Grupo Jean Monnet de Competitividade e Desenvolvemento na Unión Europea, na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña. Titulado 'La estructura espacial de Galicia. Análisis a partir del cálculo de los potenciales de mercado a nivel comarca, 1991-2016', o traballo —publicado no último número da Revista Galega de Economía, editada pola Universidade de Santiago de Compostela— analiza a distribución espacial da actividade económica nas comarcas de Galicia a través do cálculo do potencial de mercado de Harris e os índices de Gini e curvas de Lorenz asociadas.

"Os resultados da análise mostran un claro patrón centro-periferia na distribución da actividade económica que no caso de Galicia se converte nun patrón occidente-oriente", confirman os autores, que salientan que este patrón ten unha "alta coincidencia" co trazado da autoestrada AP-9, que cruza Galicia de norte a sur, desde Ferrol até Vigo.

"Esta área, que comunmente se coñece como a dorsal atlántica, é a área que, excluíndo as cidades de Lugo e Ourense, concentra un maior dinamismo tanto en termos de actividade económica como en relación coa concentración de poboación", engaden.

Os resultados deste traballo permiten constatar a existencia dunha alta concentración da poboación e do PIB no Arco Atlántico. Os mapas de potenciais e o cálculo dos índices de Gini e as curvas de Lorenz asociadas permitiron visualizar esa distribución espacial da actividade económica. Ademais, os economistas observaron a existencia dun "forte gradiente oeste-este que se mantén estable no tempo, tanto para o caso da poboación como do PIB", durante as últimas dúas décadas.

É dicir, obsérvase un "claro patrón centro-periferia (occidente-oriente) independentemente do período temporal ao que nos refiramos e do método de ponderación usado", salientan os investigadores.

Á vista da análise topográfica dos distintos potenciais de mercado ao longo do período de estudo, o centro atoparíase situado no Arco Atlántico, o cal abarca as comarcas de Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo, xunto coas comarcas interiores que forman as capitalidades provinciais, Lugo e Ourense.

No interior do país destaca a comarca de Ourense pola súa gran relación coa área industrial de Vigo, principalmente coa do automóbil e do téxtil, atopándose na área da capital das Burgas numerosas empresas auxiliares destes sectores, potenciadas nas últimas décadas pola mellora das comunicacións terrestres entre Ourense e Vigo, por exemplo coa Autovía das Rías Baixas.

Os economistas argúen que a explicación deste comportamento dos valores do potencial de mercado a nivel comarcal e desa estrutura centro-periferia descrita se pode achacar á función que cumpre a autoestrada AP-9, ademais da apertura de novas vías de comunicación cara á costa desde a mesma, como por exemplo a autovía do Barbanza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Pois non estou dacordo. O problema non é que haxa ou non autopista, senón o prezo tan baixo dos productos agrarios. Eso non o soluciona nengunha autopista. Xa hai una vía rápida de Lugo a Ourense, por Monforte, que é gratis.