Por E.P. | PONTEVEDRA | 29/09/2018 | Actualizada ás 11:29
A Garda Civil detivo dous veciños do municipio de Oia (Pontevedra) como presuntos autores dun delito contra a flora e a fauna, tras ser sorprendidos cando, supostamente, pretendían colocar cebos envelenados no monte.
As investigacións levadas a cabo pola Patrulla do Seprona da Garda Civil de Tui iniciouse en 2013, a raíz do achado de catro cans mortos en estrañas circunstancias, cando estaban a adestrar nun coto de caza no sur da provincia. A análise toxicolóxica dos cadáveres de dous destes animais deu resultado positivo en estricnina.
Así as cousas, e cando pasaron cinco anos destes feitos, os axentes sorprenderon no mesmo monte a dous cazadores cando levaban no coche unha bolsa de plástico con carne picada e unha substancia tóxica.
En concreto, os detidos viaxaban nun vehículo todoterreo por unha pista forestal dentro dos terreos do coto. No rexistro superficial que se realizou no interior do vehículo, a Garda Civil localizou unha bolsa que contiña os elementos necesarios para a colocación de cebos envelenados: outra bolsa con 2 quilos de carne picada, un bote de cristal que contiña 406 gramos dunha substancia, aparentemente compatible cun potente tóxico, e luvas especiais de nitrilo para a manipulación dos cebos.
CON CAPACIDADE PARA MATAR A 1.000 PERSOAS
Ademais de ser sorprendidos no momento en que acudían a colocar os cebos, o resultado analítico, que correu a cargo da Delegación Territorial da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, confirmou que o contido do bote de cristal se trataba dun veleno, cuxo principio activo é o carbofurano.
Os axentes precisaron que se trata dunha "substancia ilegal" cuxa potencia letal, calculada en referencia á saúde humana, podería causar a morte de máis dun milleiro de persoas ou, no ámbito da natureza, de 330.000 pequenas aves rapaces.
Na última fase da que se denominou operación 'Venutox', ademais de confirmarse os resultados analíticos do tóxico, procedeuse á toma de declaracións testificais e ao recoñecemento do terreo cun can especializado na detección de veleno e fauna cadavérica.
Esta semana concluíu a operación notificando aos dous cazadores a súa condición de investigados como supostos autores dun delito contra a flora e a fauna, por empregar veleno para a caza sen estar legalmente autorizados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.