Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2018 | Actualizada ás 14:35
O alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, arremeteu contra o portavoz de En Marea, Luís Villares, ao que acusou de establecer un "vergoñoso pacto" co presidente da Xunta e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, para investigar o accidente no Marisquiño, o cal o "desautoriza para ser oposición para sempre", sentenzou.
"O señor Villares ten que responder diante de toda Galicia, porque fixo un pacto coa dereita dura de Feijóo para investigar o afundimento dun peirao de Vigo co único obxectivo de tentar erosionar o alcalde de Vigo", manifestou este domingo Abel Caballero, en resposta ás declaracións o sábado de Luís Villares nas que lle pedía "non frivolizar" e aceptar unha investigación municipal sobre o derrube no festival.
O alcalde de Vigo acusou a Villares de "atoparse moi cómodo pactando co PP, o PP máis duro de Feijóo, contra o alcalde de Vigo", e replícalle que "a cidade rexeita frontalmente todo o que teña que ver con Villares e En Marea, e con Feijóo". Segundo Caballero, o líder do partido instrumental "quere usurpar a autonomía municipal levando ao parlamento cuestións que son exclusivas do Concello".
"É vergoñoso o pacto de Villares con Feijóo e desautorízao para ser oposición para sempre, lémbranos a pactos do Bloque co PP en Vigo, contra o Partido Socialista de Vigo e xa nunca máis vai poder facer de oposición a Feijóo, porque é un farsante en mans de Feijóo", engadiu Abel Caballero.
Nesta mesma liña, cuestionou a obxectividade da comisión de investigación que abordará no Parlamento o accidente ocorrido no Marisquiño. "Pero alguén cre que nos imos fiar do Bloque, de Mareas e do PP nunha comisión presidida polo PP e con maioría absoluta do PP no Parlamento, falando obxectivamente de Vigo?. Sempre van estar tentando facer desgaste político", engadiu.
Neste contexto, Abel Caballero "recomenda" a Villares que impulse investigacións en concellos da súa cor política ou ao redor de temas importantes que poidan afectar a Feijóo, aínda que puntualiza que non poderá facelo porque non repetirá como portavoz de En Marea. "Todos sabemos que Villares non vai repetir como portavoz de En Marea, foi un pésimo candidato e un desastre de candidato contra Feijóo e a súa inactividade para facer oposición permítelle a Feijóo continuar sen unha soa rabuñada", agregou.
Así, ínstalle a "que trate de levar adiante o seu partido e escoite moito a Beiras, que preste atención ao que lle din, que se cadra así aprende algo".
O CONFLITO POLA AUGA
O rexedor olívico tamén se mostrou crítico coa postura de En Marea ao redor da problemática da auga en Vigo, cualificado de "ignorancia total" as afirmacións de Villares. "A súa posición en contra de que Vigo teña auga raia a estulticia, é dunha ignorancia total, a perda de auga desde o encoro de Eiras até Vigo (...) non chega ao 1%, que en termos reais é cero", e engade que "cando di que se perde o 30% onde están os datos que o avalan, ou fai demagoxia porque non quere que Vigo teña auga".
"Ímolo resolver nós", dixo Abel Caballero, antes de concluír que Villares "tentando ocupar a autonomía municipal" "é unha vergoña que levará sempre con el, un político incapaz de facer oposición a Feijóo, tenta facer oposición ao alcalde de Vigo, pero isto seralle máis difícil, no Marisquiño hai unha xuíza que está a investigar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.