Anticapitalistas de Podemos Galicia non se sumarán a listas que busquen "repartirse o poder" do partido

Nun comunicado emitido este martes, Anticapitalistas quere que se propoñan horizontes estratéxicos transformadores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2018 | Actualizada ás 20:12

Comparte esta noticia

A corrente Anticapitalistas de Podemos Galicia avanzou que non se incorporarán a listas que busquen "repartirse o poder ou disputarse a baronía" no proceso interno que concluirá a finais do presente de mes de outubro coa elección dunha nova dirección para o partido morado galego.

A deputada de En Marea Paula Quinteiro. EUROPA PRESS - Archivo
A deputada de En Marea Paula Quinteiro. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

A través dun comunicado emitido na tarde deste martes, horas despois de coñecerse que a cofundadora do partido Carolina Bescansa optará a liderar Podemos Galicia, Anticapitalistas chama a "propor horizontes estratéxicos transformadores máis aló dunha campaña electoral interna onde parece que se disputa o poder para que todo siga igual".

Así, lamentan que a confrontación das candidaturas do portavoz de En Marea no Congreso Antón Gómez-Reino --afín a Pablo Iglesias-- e a de Carolina Bescansa --proposta pola actual dirección-- derive nunha loita por "repartirse o poder" en lugar de apostar por levar adiante "un proxecto".

"Non temos intención de incorporarnos a listas que se moven nesa lóxica de repartición do poder ou disputa da baronía. Durante estes días decidiremos cal é a mellor forma de introducir os debates estratéxicos que nos parecen fundamentais", apunta o comunicado de Anticapitalistas, sector ao que pertence a deputada de En Marea Paula Quinteiro.

E é que, segundo fontes consultadas, a candidatura de Antón Gómez-Reino iniciou os contactos con algunhas das sensibilidades presentes en Podemos Galicia de cara á súa integración nunha lista "ampla" que xa non poderá ser de unidade, como pretendía o deputado nun primeiro momento, após a irrupción no escenario galego de Carolina Bescansa.

Anticapitalistas remarca que "é necesario romper con inercias e revolucionar Podemos Galicia" a través dun "novo programa que recupere a soberanía para o pobo e que expropie o poder das grandes empresas". "Necesitamos romper cos personalismos e a política de aparello", apostila.

Así mesmo, apunta que "a estratexia de non ter proxecto e moverse a golpe de enquisa" provocou que Podemos a nivel estatal e galego se "debilitase"; polo que chama a configurar unha "política firme" que sexa capaz de "traducirse nun proxecto que aspire a ser maioritario".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

¿Cal é a relación entre Anticapitalistas e EsquerdaUnida? ¿Iso non é "repartirse o pastel"? A esquerda sempre co mesmo problema ... https://i.gal/gamela05

1 Loisc

Jo jo jo! Marchando unha de palomitas e unha de pipas...! Os que viñan a mudalo todo, escapaban de vicios dos partidos e facían propostas de abaixo a riba sen cúpulas...