Por Xurxo Salgado | Compostela | 04/10/2018 | Actualizada ás 15:10
“Sabe que ese cadro está inspirado nunha lámina do volume Galicia Mártir que Castelao pintou en 1937, nun contexto moi determinado e no que tentaba denunciar unhas circunstancias determinadas... Ten vostede algún problema en denunciar o que tentou denunciar Castelao con ese cadro que foi o horror do fascismo?”. Esta foi a pregunta directa que Galicia Confidencial lle fixo ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, en alusión á obra "A derradeira leición do mestre".
“Non teño ningún problema. De feito, onte (polo mércores) o denunciei... Se vostede, ademais, quere comprobar o discurso que vou facer mañá na inauguración da exposición, tamén está invitado... A un presidente da Xunta que consigue traer este cadro a Galicia, pois de silenciar nada, máis ben todo o contrario”. Foi a resposta de Feijóo. Unha resposta máis contundente a outra pregunta anterior na que evitou, como fixo no acto político do mércores, abordar o completo significado dese cadro do que dixo que era unha “homenaxe á educación”. Unha interpretación que provocou o enfado dos grupos da oposición.
“Traémolo para que todos os galegos coñezan as caras, as facianas e a mensaxe deste cadro. Queremos que o coñezan todos. Por iso, convidamolos a todos a visitar esa exposición. E se somos culpables de traer o cadro a Galicia, pois asumimos esa culpa”, dixo.
En todo caso, aclarou que, xa o feito de que o cadro estea en Galicia ten moito significado. “Como presidente da Xunta eu o que quería era que ese cadro nos recordara todo o que ocurriu durante esa Guerra Civil”, dixo en alusión á represión e á morte, sen apuntalo directamente. Por outra banda, tamén dixo que existe un “folleto da exposición” no que o comisario “escribiu o que considerou oportuno”. “E o comisario entendo que coñece a obra de Castelao porque é un dos membros electivos da Fundación Castelao”, aclarou ao indicar que nese documento tamén se fai referencia a ese horror fascista.
CRÍTICAS
Previamente a esta pregunta, Feijóo insistiu na importancia de ter ese cadro en Galicia. E, preguntado sobre as críticas da oposición, dixo que, polo menos, a diferencia de cando se trasladaron os restos de Castelao desde Arxentina, “nesta ocasión non se produciron incidentes”. “Agora toca disfrutar del”, dixo e criticou aos partidos ou políticos que "queren apropiarse" da súa figura.
Ademais, suliñou que é a primeira vez que esa obra visita Galicia. “É unha oportunidade histórica e non debe molestar que ese cadro o teñamos aquí”, engadiu. Por iso, inistiu en animar aos galegos a que visiten o cadro e a obra.
ACTO REIVINDICATIVO
Por outra banda, o debuxante Kiko da Silva fixo un chamamento á cidadanía para que participe este venres nun acto de protesta, ás 12,30 horas, contra a "negación á verdade" que viu nas palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a presentación 'A derradeira leición do mestre' de Castelao.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.