Fin da folga dos axentes forestais após chegar a un principio de acordo coa Xunta

Conseguen unha redución da xornada máxima anual, dos meses de garda e das quendas nocturnas, así como unha suba salarial progresiva.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2018 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

Os axentes forestais e ambientais desconvocaron a folga indefinida iniciada o pasado 25 de xullo após chegar a un principio de acordo coa Xunta. Segundo informa a CIG, esta decisión tómase logo de conseguir na mesa de negociación a retirada das propostas "abusivas" da Administración galega e unha mellora "substancial" das súas condicións de traballo.

Protesta de axentes forestais e ambientais en Santiago. EUROPA PRESS - Archivo
Protesta de axentes forestais e ambientais en Santiago. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Entre os avances alcanzados, a responsable nacional da CIG-Administración autonómica, Zeltia Burgos, destaca a redución da xornada máxima anual das 2.000 horas que había a 1.665 horas, con posibilidade de baixas até 1.554.

Tamén se diminúen os meses de garda de seis a catro e as quendas de garda nocturna baixan a 10 horas (antes eran 12 horas). Ademais, recoñécese o dereito a unha suba salarial progresiva en tres anos, cun aumento de dous niveis e 60 euros en tres anos polas especificidades do posto.

COEFICIENTES REDUTORES DE XUBILACIÓN

Uno dos puntos que se sinalan como máis importantes é que a Xunta se compromete a instar ao Estado a que estableza os coeficientes reductores para a xubilación anticipada con base en penosidade, toxicidade, traballo nocturno, quendas e especial responsabilidade.

Xunto a isto, hai unha apertura de posibilidade de flexibilidade de xornada en favor da conciliación, mentres que a administración asumirá os gastos de comidas en quendas de máis de 10 horas.

E é que Burgos lembra que, nun primeiro momento, a intención da Xunta era aumentar considerablemente o número de horas anuais traballadas e as de gardas nun 50%, con períodos discrecionales. "Con este acordo conséguese que a maioría queden prefixadas xa do ano anterior", explica.

A mobilidade funcional será voluntaria (até agora obrigatoria), mentres existe compromiso para regular a segunda actividade e para que haxa libranza de dous días por cada festivo traballado.

CUESTIÓNS PENDENTES

Con todo, a responsable da CIG-Administración avisa de que "quedan pendentes cuestións fundamentais" como que se cren, "cando menos, as 30 novas prazas comprometidas por Feijóo no Parlamento".

Outras reivindicacións pasan por activar as brigadas de investigación dos incendios forestais "que se deixaron esmorecer", mentres que se reclama condicionar a mobilidade funcional a que primeiro se cubran as vacacións por listas de contratación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta