Un cento de veciños denuncian os proxectos eólicos de Carballo, Coristanco e Santa Comba

Realizaron unha andaina reivindicativa contra os parques eólicos proxectados nos tres concellos.

Por Galicia Confidencial | Carballo | 13/10/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Ao redor dun cento de veciñas de Carballo, Coristanco e Santa Comba uníronse este sábado nunha marcha reivindicativa para mostrar o seu rexeitamento aos novos proxectos eólicos da zona. A andaina foi organizada pola Plataforma Non Eólicos Bustelo – Campelo – Monte Toural coa colaboración da Asociación ambiental Senda Nova. Tamén estiveron presentes integrantes da Plataforma Non Eólicos en Ordes

A andaina percorreu parte do territorio que pretenden ocupar os parques eólicos previstos na zona, con paradas noutros núcleos de poboación, tamén afectados e nos que se ía unindo cada vez máis xente. Un traxecto no que a protagonista foi a natureza e, de feito, para moitas das persoas participantes, foi unha maneira de descubrir o tesouro que teñen ao seu redor.

Unha das paradas foi no lugar da Abelenda – no concello de Coristanco - xa castigada polo parque eólico do Castelo, con 25 aeroxeradores moi preto das vivendas. Estes aeroxeradores do Castelo, que son catro veces máis pequenos que os dos novos parques e de moita menos potencia, poden oírse mesmo dentro das vivendas en Mira (Coristanco), segundo aseguran varias veciñas do lugar. Mira está a máis dun km de distancia do parque eólico do Monte Castelo.

Precisamente no núcleo de Mira foi onde se fixo a seguinte parada. Un lugar onde, curiosamente, dous aeroxeradores coinciden dentro da área dos tres parques á vez, segundo suliñan os organizadores nun comunicado. “Un dos sinais de que estes tres parques de Bustelo, O Campelo e Monte Toural , en realidade son un só megaparque fragmentado de xeito artificial para aproveitar a nova lei de iniciativas da Xunta e evitar estudos de impacto ambiental máis esixentes”, indican.

A meta da marcha foi en Castriz – no concello de Santa Comba – a carón da súa fervenza. Neste lugar, un dos espazos naturais máis significativos do concello de Santa Comba e nas proximidades do cal está prevista a instalación de dous aeroxeradores de 180 metros de altura está prevista foi onde tivo lugar a lectura dun manifesto co que se insistiu nas razóns polas que se considera que estes proxectos terían un impacto negativo tanto a nivel medioambiental como económico e, por suposto, para a saúde dos habitantes da zona. Ao remate do acto lembrouse que segue aberto o prazo de alegacións ao proxecto eólico do Campelo, en exposición pública nos concellos de Coristanco e Santa Comba. O prazo remata o vindeiro luns 15 de outubro de 2018.

Veciños de Carballo, Coristanco e Santa Comba en contra do proxecto eólico
Veciños de Carballo, Coristanco e Santa Comba en contra do proxecto eólico

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta