Por E.P. | A CORUÑA | 17/10/2018 | Actualizada ás 15:39
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reclamou á Xunta e ao Goberno central "unha fronte común" para evitar o peche da planta de Alcoa na cidade, despois do anuncio da multinacional estadounidense de iniciar un período formal de consultas para levar a cabo un despedimento colectivo nesta planta, o que afectaría a 369 traballadores, e na de Avilés, con 317 empregados.
A preguntas dos xornalistas, despois de coñecerse esta decisión, o alcalde púxose a disposición dos traballadores "para o que necesiten", á vez que instou á Xunta e ao Goberno central a deseñar "unha fronte común en defensa deste emprego".
"Deberiamos estar todas as administracións unidas", remarcou o rexedor. Ademais, emprazou á ministra de Industria, Reyes Maroto, e ao conselleiro desta área, Francisco Conde, a "traballar" para evitar que se materialice unha medida que cualificou como "un duro golpe para o emprego".
PLENO EXTRAORDINARIO
Por outra banda, anunciou que este xoves convocará a comisión de portavoces municipais para expor a celebración dun pleno extraordinario co obxectivo de que toda a corporación municipal "se sitúe en contra deste peche".
"É necesario actuar e estar unidos", insistiu Ferreiro, para quen hai que "facer forza" e "reaccionar rápido" para reverter a decisión adoptada pola compañía estadounidense.
Por iso, avanzou a súa intención de porse en contacto nesta mesma xornada co conselleiro de Industria e coa ministra, ademais de con os traballadores, após facelo xa co director da factoría na Coruña.
O alcalde tamén trasladou o seu apoio ao cadro de persoal de Alcoa a través das redes sociais, póndose á súa disposición a través da súa conta de Twitter. Nela, volveu a reclamar un "posicionamento unánime". "É moito o que nos xogamos", sostén en liña coas súas manifestacións aos medios de comunicación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.