Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2018 | Actualizada ás 14:10
As máis das veces téñense os alcumes como nomenclaturas que buscan senón a burla, si polo menos destacar quer un defécto físico, unha actitude ou calquera outro sinal que poda parecer un “defecto da persoa”. Non obstante, e como di a profesora da USC, Ana Boullón “os alcumes son a orixe de moitos apelidos modernos desde a Idade Media”. Con todo, e dentro da actual sociedade chamada da comunicación, algúns aspectos sociais como as nomeadas, parecen ir perdendo terreo. Así, o vindeiro día 20 de outubro celebrarase no Museo de Pontevedra, con entrada libre, a III Xornada de Onomástica Galega que traballará arredor da orixe, evolución e pervivencia dos alcumes.
DENOMINACIÓN NON OFICIAL PERO OFICIALIZADA
As persoas estamos rexistradas segundo uns nomes e apelidos no Rexistro Civil, pero “o problema cos alcumes é que non hai un rexistro deles” di Ana Boullón, profesora e directora da III Xornada de Onomástica Galega en Pontevedra. O único lugar onde se poderían consultar “serían as necrolóxicas dos xornais, porque non hai outros documentos”. Pero a importancia deste tipo de onomástica é que forma parte dun sistema de nomeamento persoal moi vivo nas zonas rurais e vilegas, non así nas cidades onde o sistema de interrelación persoal cambia, é diferente. “Desde logo forman parte do noso patrimonio inmaterial, por iso é necesario recollelo e estudalo”.
“Os alcumes da Idade Media en boa parte, son a orixe dos apelidos modernos” di Ana Boullón, que apunta tamén “o sistema antropolóxico de facer alcumes en tempos pasados é o mesmo que o de agora”. O caso é que pasados os séculos, estas denominacións acabaron converténdose en nomes “oficiais” de persoas. “Algúns casos moi coñecidos son Calvo, que vén dun alcume, apelidos de cor, Roxo, Cao que significaba “persoa co pelo branco”, Branco, Louro, Mouro, todos estes alcumes que naceron na Idade Media acabaron como apelidos modernos”. Mais hai que ter en conta que non todos aqueles alcumes medievais e posteriores, acabaron como apelidos. “Os apelidos foron fixados no século XIX sobre o ano 1870 que entraron no Rexistro Civil”.
PROFESIÓNS E APELIDOS
“O máis frecuente que había na Idade Media e que hoxe é o alcume de orixe profesional máis presente dentro dos apelidos é Ferreiro” apunta Boullón, “isto mostra a importancia que tiña esta profesión naqueles tempos”. O alcuño profesional transmitíase aos fillos que herdaban a ferreiría. Outros fóronse fixando máis tarde como foi o caso de Monteiro “que era un cazador, unha persoa que só ía ao monte para cazar, iso na Idade Media, porque na época do Barroco, Monteiro era a persoa que ía ao monte ás canteiras para sacar pedra para os edificios, o canteiro”. O caso de Monteiro “foi fixado como “Montero” porque daquela, na época barroca, os rexistros xa estaban castelanizados”.
Noutros casos, Mariño “sería a persoa que traballaba no mar, porque apelidos Mariñeiro ou Pescador se non existen, serán moi escasas as persoas con eles”. No caso doutros alcumes relacionados coas profesións, o apelido Canoura, do norte de Galicia, vén dunha peza onde caía o gran dos muínos. “Temos neste caso tamén que é toponímico, de lugares que xa desapareceron, pero que había persoas que se alcumaban “das Canouras ou das Canoiras en relación á súa profesión quizais de muiñeiro”.
AS NOVAS DENOMINACIÓNS
A observación do comportamento adolescente sobre todo en época escolar, trae canda si a creación de alcumes relacionados coas vivencias que teñen hoxe en día, sobre todo relacionadas coas novas tecnoloxías e os relatos que se poden ver nelas, videoxogos, series de televisión, filmes, etc. “Iso tamén son alcumes, os adolescentes e a xente nova, son moito máis permeables aos medios de comunicación” afirma Ana Boullón que tamén sinala “desde logo eses xa serían outros alcumes diferentes aos que tratamos aquí, pois nesta xornada en Pontevedra, tratamos máis ben o alcume tradicional”.
Ana Boullón, respecto disto último di que “os alcumes máis tradicionais moitas veces non se sabe cando fixar a súa orixe, pero os da adolescencia hoxe en día non é frecuente que traspasen o ámbito do centro ou ámbito de escolarización”. Pero estes últimos perderían a dimensión familiar que fai trascender ás xeracións. “Con todo, debemos dicir que os alcumes do ámbito escolar están por estudar pero tamén son máis fugaces”.As motivacións para poñer alcumes son moi diferentes e non hai unha noticia biográfica sobre o alcume, “só se podería adiviñar, igual que cos apelidos en realidade” di Boullón.
Unha das comunicacións nesta xornada tratará sobre os nomes de usuario na Internet, dentro, sobre todo do mundo de editores en Wikipedia. “Isto é lixeriamente diferente, os alcumes ponos a sociedade ao individuo, non é o individuo quen escolle como si é o caso dos usuarios das redes sociais ou da Wikipedia”. A perspectiva é por tanto diferente. En tal caso, a día de hoxe o sistema de vida inflúe en se a sociedade mesma pon alcumes ou non. Os cambios de vivenda, de traballo de lugar de residencia, fan que non se consoliden ou nin sequera nazan novos alcumes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.