Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/11/2018 | Actualizada ás 21:55
Case dous de cada dez galegos menores de idade usuarios de Internet mostra comportamentos problemáticos relacionados co envío de mensaxes de texto ou imaxes de contido sexual explícito (sexting), acoso na Rede (cyberbullying) e cos xogos de azar en liña. Este uso problemático de Internet está asociado, ademais, co abuso de alcol e doutras drogas.
Estas son as principais conclusións dun estudo realizado en Galicia por investigadores da Unidade de Investigación en Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo.
O estudo realizouse mediante unha enquisa a 3.772 estudantes entre 12 e 17 anos, de bacharelato e educación secundaria obrigatoria nas provincias da Coruña e Pontevedra, tanto de cenntros públicos como privados, e do ámbito urbán e rural.
Os resultados permitiron constatar que o uso da Internet, en xeral, e dos sitios de redes sociais, en particular, é xeneralizado entre os adolescentes galegos. Tamén comprobaron que o uso problemático da Rede está asociado con diferentes prácticas de risco en liña, como son o contacto con estraños, o sexting, o ciberacoso ou os xogos de azar en liña, así como co uso de substancias como alcol e outras drogas.
En concreto, un de cada catro adolescentes reporta usar Internet durante máis de cinco horas ao día ou usalo durante todo o día; o 91.9% está rexistrado en polo menos unha rede social e o 60.7% usa tres ou máis.
Os resultados tamén indican que o 18,2% dos enquisados poderían ser considerados usuarios problemáticos, xa que o seu uso da Internet e de redes sociais interfere na súa vida cotiá nun alto grao.
Tamén se demostrou que este uso problemático da Rede non é un fenómeno illado, senón que está relacionado con moitas condutas de risco. Así observouse que o 42,7% dos adolescentes reportan discusións frecuentes cos seus pais debido ao seu uso da Internet ou teléfono móbil.
O uso problemático tamén está relacionado con taxas máis altas de sexting, ciberacoso, contacto con estraños ou xogos de azar en liña.
A relación atopada entre o uso problemático de Internet e o contatco con estraños é de particular preocupación para os investigadores: case o 60% dos usuarios problemáticos están involucrados nesta práctica e tres de cada dez contacta con xente mediante Internet.
Os resultados do estudo, titulado 'Minors and problematic Internet use: Evidence for better prevention', publícanse na revista científica Computers in Human Behavior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.