Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/10/2018 | Actualizada ás 11:55
A Asociación Galega de Apicultura convocou este verán a un grupo de investigadores e investigadoras das diferentes universidades galegas para constituir un grupo de traballo científico no que integrar tamén o sector apícola ou outros afectados por este problema que ten difícil solución.
E a primeira gran conclusión deste grupo de traballo é que a erradicación da velutina en Galicia é "case imposible". A pesar de que existen avances na investigación, denuncian que faltan recursos e financiación para continuar co traballo e chegar a plasmarse en métodos eficaces de control da praga e disminución dos danos que provoca.
Por iso, tanto apicultores como comunidade científica acordou dirixirse á administración galega, a través da Consellería de Medio Ambiente, para que axude na investigación. “Imos cunha proposta clara e concreta, elaborada dende unha visión científica e coa experiencia dos apicultores e apicultoras, observadores privilexiados da Vespa velutina e un dos colectivos máis prexudicados”, aclara a Asociación Galega de Apicultura.
Este venres, científicos e apicultores celebraron unha xornada en Santiago na que constataron que a investigación é indispensable para mellorar os sistemas actuais de loita para atopar novas ferramentas máis eficaces e selectivas para loitar contra esta plaga que está xa en case toda Galicia.
CRÍTICAS Á XUNTA
Estes colectivos e, especialmente, a Plataforma Stop Velutinas, pide que a Xunta tome en serio este problema. E, en vista da inoperatividade da Comisión de Seguimento, creada dende o Goberno galego para a xestión desta problemática, apicultores e científicos apostaron pola constitución dunha mesa sectorial, incluindo tanto a administración como ó resto de sectores: agrario, forestal, sindical, concellos, ecoloxistas e académico.
Na xornada do venres tamén houbo críticas sobre a xestión que está levando a administración galega neste asunto, pasándolle o traballo do trampeo ou a retirada de niños ós concellos, moitos deles con escasos recursos e persoal, deixando avanzar o problema sen facer nada para controlalo acudindo ó argumento de que hai que convivir coa praga ou que noutros lugares xa non se retiran os niños e amosando así unha actitude pasiva ante este problema.
Nos próximos días, tanto o Grupo de Investigación sobre a Vespa velutina como os integrantes da Plataforma, elaborarán documentos no que se plamsarán as ideas e propostas traballadas na xuntanza para trasladar ás administracións responsables e continuar co traballo de loita en conxunto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.