Carlos Núñez: “A música celta non merece ser relegada a un gueto... ten capacidade de mover masas”

O gaiteiro profunda nas raíces musicais da “marca celta” nunha conferencia na Real Academia Galega. Lamenta a escasa atención que se lle presta en España á música tradicional.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 23/10/2018 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

Galicia e a “marca celta”. Sobre isto xirou a conferencia que o gaiteiro Carlos Núñez ofreceu este martes na Real Academia Galega. Unha etiqueta que emerxeu en Galicia con forza cando el comezou a súa carreira, nos anos 90, pero que xa levaba moito tempo aí. 

Carlos Núñez
Carlos Núñez | Fonte: infotendencias.blogspot.com

Tras visitar investigadores expertos na materia, como o arqueólogo Barry Cunliffe, profesor emérito da Universidade de Oxford que resituou os celtas no Atlántico e que confesou ao musico galego o seu amor pola música celta, o percorrido que ofrecerá Carlos Núñez no relatorio tirou de fontes da arqueoloxía, da musicoloxía ou da antropoloxía nas que se apoia o seu primeiro libro, La hermandad de los celtas. 

“Álvaro Cunqueiro organizou un festival celta en Vigo nos 60, mesmo anterior ao de Lorient, e para iso o escritor viaxou á Bretaña, o mesmo fixera Castelao nos anos 20. Desde alí, escribira aos seus compañeiros de Nós dicíndolles que as súas sensacións só se podían explicar en música, e Emilia Pardo Bazán no seu único texto en galego, dedicado á música, soñaba cun artista celta que a fixese espertar”, repasou o músico. “O padre Sarmiento sinala que a lingua celta na que cantaran os nosos devanceiros seguía viva na gaita; mesmo a materia artúrica se pode considerar un precedente destas ondas de cantigas celtas que van e veñen dende hai séculos”, proseguiu.

MÚSICO CELTA

De feito, el mesmo suliñou que é unha figura destacada da chamada música celta, cuxa primeira mención literal se atopa na Escocia ilustrada do século XVIII. A través dela leva proxectando internacionalmente a tradicional musical galega desde hai dúas décadas. O artista tamén profundou en distintos estudos que rastrexan as conexións musicais entre Galicia e outros territorios identificados baixo a etiqueta “celta” con raíces moitos séculos atrás, pero tamén con lazos que chegan a outras latitudes. 

“Os musicólogos atoparon no pop anglosaxón elementos que proveñen das arpas e das liras dos bardos celtas que tamén aparecen nas nosas cantigas medievais e seguen milagrosamente vivos por tradición oral, aquí e en Latinoamérica, ao contrario que en case toda Europa”, salientou o artista. “Como dicía Dylan no discurso de recepción do Nobel, os artistas deberían coñecer e cantar a súa propia tradición e interiorizala antes de compoñer nos estilos de moda do momento”, engadiu.

MÚSICA CELTA “RELEGADA”

Este rico herdo recibe, ao seu xuízo, pouca atención na península Ibérica: “España e Portugal, alén do flamenco e o fado, non souberon poñer en valor o seu patrimonio musical. Lévase anos dándolle as costas á inmensa variedade cultural que hai en España”, lamentou o músico, que advirte que a música tradicional non merece ser relegada a un gueto e que ten capacidade de mover masas. Proba diso é a que se comercializa co adxectivo “celta”, “a forma máis exitosa de espertar músicas tradicionais europeas e de que evolucionaran durante séculos”.

A xuízo do músico, Galicia debería liderar esta perspectiva, “e non o está a facer”. “Festivais celtas como o de Lorient moven anualmente 750 000 persoas, moito máis que calquera dos festivais pop rock ou indie cos que nos bombardean os medios; e o Celtic Connections de Glasgow acolle baixo a marca celta todo tipo de xéneros, porque a música celta sempre abraza e por iso segue viva e evolucionando”.

Os éxitos da “marca celta” chegan tamén ao eido da música clásica. É o caso Celtic Pilgrimage, o nome escollido para o concerto que Carlos Núñez ofreceu cunha das máis antigas orquestras de Viena, co que se converteu no primeiro gaiteiro en subir ao escenario do Musikverein, que acolle o célebre Concerto de Aninovo da capital austríaca. “Celta pode ir ademais perfectamente unido á nosa outra grande marca: peregrinaxe. Non en van Compostela está tamén chea de connotacións célticas, coma a barca de pedra, ou o cabalo branco, nesa ruta que seguía as estrelas dende quen sabe cando”, engadíu.

IDENTIDADE

Pola súa banda, na presentación da conferencia, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, lembrou a importancia para a cultura galega da “marca celta” e que esta tivo no primeiro presidente da Real Academia Galega, Manuel Murguía, un dos seus primeiros defensores, que atoparon nela un xeito de reivindicar a identidade propia. “Sexa unha realidade arqueolóxica ou simbólica, a relevancia da marca celta para a nosa cultura está aí”, salientou. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Edelmiro

Fun verte a un concerto en España e saín fortemente decepcionado. Convertíchete, co paso dos anos, no Luis Cobos da música celta. Nos teus concertos non és honesto. Iso fai que vendas máis entradas. Pero a calidade é inexistente.