Científicos galegos logran avances contra a epilepsia

Investigadores da Universidade da Coruña presentan ao mundo os seus experimentos en ratas e un mono, nos que conseguiron retrasar a aparición dos síntomas epilépticos e reducir a súa intensidade co uso de campos magnéticos estáticos. Os resultados con imáns –presentados na maior revista científica do mundo, 'Scientific Reports'– avanzan cara o uso desta técnica en humanos como complemento aos tratamentos farmacolóxicos.

Por Alberto Quian | Madrid | 05/11/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Desde hai tempo sábese que os campos magnéticos producidos por imáns, cando son o suficientemente fortes, poden alterar a actividade eléctrica da cortiza motora e visual do cerebro, pero tamén se constatou que ademais estes poden influír en funcións cognitivas humanas. Estes achados abriron a porta ao uso de potentes imáns para tratar algunhas enfermidades neurolóxicas e psiquiátricas, por exemplo, a epilepsia. Científicos galegos demostran agora que a aplicación de campos magnéticos estáticos axudan a modular a actividade cortical e abren a porta ao seu futuro uso terapéutico na epilepsia como complemento dos tratamentos farmacolóxicos actuais.

Epilepsia.
Epilepsia.

Esta é a principal conclusión dos experimentos levados a cabo por científicos da Universidade da Coruña adscritos ao NEUROcom (Grupo de Neurociencia e Control Motor), a Agrupación Estratéxica CICA-INIBIC (formada polo centro de Investigacións Científicas Avanzadas e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña) e do Centro de Estimulación Cerebral de Galicia, en colaboración co Laboratorio de Neurofisiología Experimental do Hospital Nacional de Parapléjicos (Toledo). Os achados son de tal relevancia, que se veñen de publicar na maior revista científica do mundo, Scientific Reports –editada por Springer Nature–, nun artigo titulado 'Static magnetic fields reduce epileptiform activity in anesthetized rat and monkey'. Trátase do primeiro resultado froito da colaboración destes grupos.

Os científicos saben que en moitas patoloxías se dá un exceso ou déficit de excitabilidade cerebral que pode ser corrixido mediante a aplicación destes campos magnéticos. Na epilepsia, por exemplo, as neuronas dispáranse, polo que o uso de imáns permitiría reducir a descarga de neuronas. Isto é o que constataron os investigadores galegos, en experimentos con ratas e un mono, nos que conseguiron retrasar a aparición dos síntomas epilépticos e reducir a súa intensidade.

Partindo das evidencias de estudos previos sobre o potencial dos campos magnéticos estáticos para reducir a actividade cortical, os científicos galegos quixeron comprobar o efecto da aplicación de imáns na actividade cortical epileptiforme, relacionada cun aumento anormal da excitabilidade neuronal. 

Nun primeiro experimento traballaron con ratas ás que se lles administrou pilocarpina (fármaco parasimpáticomimético) para inducir a epilepsia. Os campos magnéticos estáticos conseguiron retrasar a aparición das convulsións inducidas.

Nun segundo bloque experimental rexistrouse a actividade de tipo epiléptico na cortiza visual dun mono macaco (Macaca mulatta). Os científicos comprobaron que os campos magnéticos estáticos aplicados sobre o foco cortical reduciron claramente a actividade epileptiforme espontánea e actividade epileptiforme visual inducida.

"Os nosos datos reforzan a opinión de que os campos magnéticos estáticos diminúen a  excitabilidade cortical", confirman os autortes do estudo, no que tamén se constata que a aplicación destes campos a unha intensidade moderada (0,5 Tesla, a unidade de indución magnética) "pode atrasar a aparición das características electrocorticográficas da epilepsia nun modelo farmacolóxico de rata e reducir a intensidade e a frecuencia das convulsións espontáneas e sensoriais nun mono anestesiado con dano cortical", explican os responsables dos experimentos.

Estes resultados son importantes para avanzar nos tratamentos contra esta doenza nerviosa, xa que "reforzan a visión de que os imáns estáticos modulan a actividade cortical e abren a porta ao futuro uso terapéutico de campos magnéticos estáticos na epilepsia como complemento dos tratamentos farmacolóxicos actuais", conclúen no estudo.

INCIDENCIA DA ENFERMIDADE

Segundo datos da Sociedade Galega de Neuroloxía, en Galicia sofren epilepsia unhas 27.000 persoas e en 8.000 casos a doenza é resistente aos fármacos, polo que a vía dos imáns podería aliviar a estes doentes.

A Sociedad Española de Neurología estima que no Estado padecen epilepsia unhas 400.000 persoas. En Europa afecta aproximadamente a 6 millóns de persoas.

En España son arredor de 100.000 os pacientes con epilepsia farmacorresistente, é dicir, persoas que non conseguen controlar as súas crises epilépticas despois de utilizar polo menos dous tratamentos apropiados e adecuados en monoterapia ou politerapia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta