Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/11/2018 | Actualizada ás 13:02
A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, e a eurodeputada Ana Miranda visitaron este luns aos presos políticos cataláns no cárcere de Lledoners, onde se atopan en prisión preventiva acusados por rebelión, tras o referendo e a declaración simbólica de independencia de hai un ano.
Aproveitando o seu encontro con Oriol Junqueras e Raül Romeva, de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Pontón e Miranda esixiron "o fin do estado de excepción antidemocática que viven os presos e as presas políticas catalás" e pediron ao Goberno central que "aposte polo diálogo para solucionar un problema exclusivamente político".
As políticas galegas acudiron a Lledoners para transmitir aos líderes de ERC a solidariedade do BNG e "denunciar esta inxustiza e vinganza", xa que consideran que os políticos cataláns independentistas están sendo "perseguidos pola defensa das súas ideas". "Non se pode criminalizar a quen pensa diferente", expresou Pontón trala visita. A líder do BNG mantén que "este é un debate que nos atinxe a todos e todas", xa que "é sobre dereitos democráticos
No interior, Pontón e Miranda analizaron cos políticos cataláns a actual situación política e xudicial, tras coñecerse este venres pasado que a Fiscalía finalmente os acusa de rebelión, pedindo a Oriol Junqueras a pena máxima de 25 anos de cárcere. Segundo Pontón, os políticos cataláns "non van ser xulgados, porque hai unha sentenza que xa está escrita antes de que empece este xuízo".
MORDAZA
Ana Pontón denunciou que "hai quen quere pór unha mordaza para que non se diga o que se pensa, que quere que se viva con medo". "Pero o medo o único que consegue é alimentar o monstro antidemocrático que nos priva de dereitos e liberdades básicas, hai que derrotar a ese monstro", aseverou.
Miranda e Pontón subliñaron a "dureza" de ver a persoas que, como Junqueras, "están privadas de liberdade polas súas ideas políticas". "Sen poder ver aos seus fillos simplemente por defender as súas ideas", lamentaron, para engadir que é unha situación que "non debería pasar nunha democracia avanzada" e que "afecta a todos, porque afecta á democracia".
Do mesmo xeito, Pontón reprochou a "parcialidad da Xustiza". "Estamos a ver un Estado que persegue a quen pensa diferente, que é capaz de encadealo, que actúa con crueldade e, o máis grave, un Estado onde se pode ter moi pouca fe na Xustiza, porque é certo que temos a sensación de que a sentenza deste xuízo xa está escrita antes de que se iniciase", apuntou.
Nesta liña, considerou que "hai un ensañamiento e un intento de castigo para unhas persoas que o único que fixeron foi defender o dereito do seu pobo a decidir". "Iso non se pode criminalizar en ningún país avanzado", apuntou, antes de sinalar que a maneira de actuar encadeando a políticos revela un "Estado no que segue habendo vestixios do franquismo".
Logo da visita das representantes do BNG, serán Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez, de Anova, os que tamén visitarán, en decembro, aos líderes cataláns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.