Galicia, pioneira na implantación dunha prótese cardíaca feita a medida

A implantación realizada no Álvaro Cunqueiro foi a cuarta deste tipo feita en todo o mundo, despois de dúas intervencións en Alemaña e outra en Suíza.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 09/11/2018 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

O servizo de Cardioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo implantou con éxito unha endoprótese cardíaca feita a medida a unha paciente cunha insuficiencia grave, na primeira intervención deste tipo que se fai en España --e a cuarta en todo o mundo---

Equipo de Cardiología do Chuvi
Equipo de Cardiología do Chuvi | Fonte: Europa Press

Segundo explicaron o xefe do Servizo de Cardioloxía, Andrés Íñiguez; e os xefes de Sección de Cardiología, Francisco Calvo e José Antonio Baz, a paciente é unha muller de 81 anos que padecía unha patoloxía grave, xa que a válvula tricúspide do seu corazón presentaba unha insuficiencia severa, o que provocaba que tivese problemas respiratorios, unha fibrilación auricular crónica, inflamación do fígado e outros problemas que lle impedían levar unha vida normal.

A muller foi seleccionada entre 75 pacientes como receptora idónea deste tipo de implante, que non está indicado en tódolos casos, xa que depende das complicacións de cada enfermo e mesmo das súas condicións anatómicas, sinalou o doutor Íñiguez.

A insuficiencia tricúspide grave non só provoca problemas de saúde graves, senón que o tratamento indicado habitualmente, que é a intervención cirúrxica, ten uns índices de mortalidade elevados tanto no momento da operación como nos anos posteriores. Ademais, unha alta porcentaxe de pacientes adoita reproducir a insuficiencia co tempo.

Os contactos con profesionais doutros hospitais do mundo e coa industria que traballa no campo das próteses, xeraron a oportunidade de someter a esta paciente a un tratamento pioneiro: a implantación dunha prótese feita a medida de nitinol (unha aliaxe de níquel e titanio) e pericardio porcino, que se coloca entre a vea cava superior e a inferior, e evita o fluxo retrógrado de sangue, segundo explicou o doutor Francisco Calvo.

A muller foi sometida á intervención o 22 de agosto deste ano no Álvaro Cunqueiro e o 30 do mesmo mes recibiu o alta. Tres meses despois, as diferentes probas que se lle practicaron evidenciaron que a operación foi "un éxito", e os problemas da paciente melloraron até tal punto que, incidiu o doutor José Antonio Baz, a muller "pode facer unha vida normal para a súa idade".

OPERACIÓN PIONEIRA

A implantación realizada no Álvaro Cunqueiro foi a cuarta deste tipo feita en todo o mundo, despois de dúas intervencións en Alemaña e outra en Suíza --país onde se fabricou a prótese--, e a primeira que se fixo en España. "Este é un exemplo de medicina personalizada", aseverou Francisco Calvo.

Segundo explicou o xefe do Servizo de Cardiología, esta intervención non está na carteira habitual do Sergas, pero solicitarase para "poder seguir facéndoa". No entanto, insistiu, "desgraciadamente" non está indicada en todos os pacientes con esa patoloxía e nin sequera nos casos en que si o está, todos poden ser susceptibles do implante por cuestións anatómicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta