Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/11/2018 | Actualizada ás 10:00
A Consellería de Economía, Emprego e Industria estableceu xa os dez domingos e festivos que terán a condición de hábiles durante o ano 2019 e, polo tanto, coa posibilidade de que as grandes superficies abran as súas portas. Unha medida que teñen denunciado as centrais sindicais.
Deste xeito, os domingos e festivos en que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público durante o ano 2019 son o 13 de xaneiro, 18 de abril, 30 de xuño, 12 de outubro, 1 de novembro, 1 de decembro e 8 de decembro.
Con todo, esta medida, a pesar de ser “consultada”, segundo a Xunta, cos axentes económicos non convence aos sindicatos. CC.OO. Denuncia que a apertura de domingos e festivos en comercio, permite e fomenta unha "loita desigual" entre as grandes superficies e o pequeno comercio de proximidade, e coa escusa do incremento de postos de traballo, “precariza as condicións das traballadoras e traballadores do sector”.
“A estas alturas, a experiencia xa nos indica claramente que o incremento de horas comerciais non implica un aumento substancial do emprego, senón que máis ben lévanos á precarización das condicións laborais con incrementos abusivos de xornada, con aumento do número de horarios irregulares e impedindo a conciliación da vida laboral e familiar”, engade este sindicato.
Por iso, a Federación de Servizos de CCOO, unha vez máis, realizou un escrito de contestación situándose contra a apertura de domingos e festivos alegando que potencia unha “perniciosa identificación entre lecer e consumismo desmedido”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.