Por Galicia Confidencial | Portugal | 04/12/2018 | Actualizada ás 08:15
A fuga de empresas galegas a Portugal nos últimos anos é constante. No Parque Empresarial privado do Fulão, en Vilanova da Cerveira, localidade fronteiriza con Tomiño, hai instaladas xa 40 empresas e, delas, 0 90% son de capital galego. Unhas empresas que dan traballo a 3.600 persoas e que tributan en chan portugués.
Un destes xigantes empresariais que se decidiu instalarse en Portugal é Central Lomera Portuguesa, unha factoría impulsada polas galegas Atunlo e Marfrio que dará emprego a 200 traballadores.
Esta nova fábrica foi inaugurada este luns logo dun investimento de 6,8 millóns de euros. A nova planta de transformación de atún do grupo Marfrío -un dos principais procesadores e comercializadores de produtos ultraconxeados do mar en Europa- e Antunlo -sociedade cun volume de negocio próximo aos cen millóns de euros- ten previsto procesar ata 20.000 toneladas de atún ao ano que destinará aos mercados de Portugal, Norte de España, Francia e Italia.
Atunlo, con base loxística en Vigo, dá emprego en Galicia a 600 persoas e a 300 en Cabo Verde, onde ten unha factoría desde o ano 2014. Marfrío, inaugurada en Pontevedra en 1985, conta con tres factorías e dá emprego a 350 persoas.
PARQUE EMPRESARIAL "GALEGO"
Dotada de "tecnoloxía punta a nivel europeo no sector da transformación de pescado", a nova factoría prevé facturar, por ano, cerca de 35 millóns de euros, e prevé chegar aos 50 millóns. A fábrica ocupa unha área de 4.500 metros cadrados no Parque Empresarial privado do Fulão, tamén impulsado con investimento galego.
De feito, o protocolo asinado en 2016 entre o goberno autónomo e a empresa propietaria do parque empresarial do Fulão, a galega Construcciones Gradín, dotou a este polígono con cerca de 40 hectáreas. Este protocolo determina que o municipio de Cerveira poida ser intermediario na venda dos lotes dispoñíbeis e a empresa, "garanta a dispoñibilidade dos terreos e concrete as posíbeis transaccións coa maior celeridade posíbel".
CRÍTICA DE SINDICATOS PORTUGUESES
Curiosamente, estas empresas marchan a Portugal logo de ser postas como referentes por parte da Xunta. Esta fuga de empresas galegas ten unha explicación. Para os sindicatos portugueses Uniâo Geral dos Trabalhadores (UGT) e Confederaçâo Geral dos Trabalhadores Portugueses (CGTP) trátase de deslocalizacións de empresas que abandonan Galicia en busca de "salarios baixos" e condicións laborais "máis precarias", e non polos incentivos fiscais ou o prezo do solo industrial, tal e como teñen denunciado en varias ocasións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.