Un parque eólico mariño flotante en Galicia?

Investigadores da Universidade da Coruña analizan os custos que tería a instalación da primeira granxa flotante en augas galegas e aconsellan un "parque grande de máis de 100 MW". Escocia foi pioneira neste sector e agora séguelle os pasos Portugal.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/12/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A idea de instalar parques eólicos en augas de Galicia segue cobrando forza. Son xa varias as propostas e diversos os estudos técnicos, medioambientais e económicos publicados nos últimos meses sobre o potencial de Galicia para explotar enerxía eólica mariña e as vantaxes que estes parques ofrecerían. A última proposta vén de investigadores dos departamentos de Química e de Enxeñaría Naval e Industrial da Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña (UDC), en Ferrol. 

Recreación dun parque eólico mariño flotante.
Recreación dun parque eólico mariño flotante.

Neste caso, os expertos céntranse na análise da influencia económica do tamaño dos parques eólicos mariños flotantes, propoñendo a instalación dun en Galicia, "onde o recurso eólico é óptimo para este tipo de tecnoloxías", xa que "esta rexión conta cos mellores valores de velocidade eólica mariña da Península Ibérica", salientan os autores do estudo.

Os investigadores explican que os aspectos económicos analizados —o custo nivelado de enerxía (LCOE) e os custos— "dependen do número de aeroxeradores flotantes no mar, o que establece o efecto do tamaño da granxa" (o custo nivelado de enerxía é a valoración económica do custo do sistema de xeración de enerxía que inclúe todos os custos ao longo da vida útil do proxecto: o investimento inicial, operación e mantemento, o custo de combustible, custo de capital, etc.).

A análise fíxose para augas galegas, considerando unha hipotética instalación dun parque eólico mariño flotante nesta área, para o cal se consideraron 18 alternativas tendo en conta diferentes potencias da granxa —entre 100 e 600 MW— e os tipos de estruturas flotantes. "Os resultados indican como o LCOE e os custos varían cando aumenta o tamaño do parque eólico mariño flotante para os tipos estudados de estruturas mariñas", resumen os autores, que consideran que os seus datos son "útiles para planificar un parque eólico mariño en augas profundas en futuros investimentos".

Tendo en conta os resultados dos custos, as variacións máis altas relaciónanse co custo de fabricación e instalación de cada un dos compoñentes da granxa: plataformas, xeradores eólicos, ancoraxes, sistema eléctrico e amarre.

"Os custos de instalación e fabricación teñen grandes variacións considerando o tamaño da granxa", aportan os investigadores, que engaden: "Obviamente, este custo máis alto para a granxa grande compénsase co valor máis alto de enerxía xerada".

Entre os distintos tipos de plataformas, a semisumerxible ten un custo menor de instalación.

En termos de LCOE, a mellor estrutura flotante para augas galegas é a plataforma  semisumerxible. "Este valor redúcese ao redor dun 21% cando a potencia total da granxa se incrementa para todos os tipos de plataformas e granxas", salientan os autores.

Os resultados do estudo levan a concluír que a instalación dun parque eólico flotante en Galicia debería considerar unha gran granxa de máis de 100 MW.

O estudo, titulado 'Influence of Size on the Economic Feasibility of Floating Offshore Wind Farms', vén de ser publicado na revista científica Sustainability. e está asinado por Laura Castro Santos, Almudena Filgueira Vizoso, Carlos Álvarez Feal e Luis Carral.

PORTUGAL INSTALARÁ UNHA GRANXA FLOTANTE PRETO DE GALICIA 

Hywind Scotland é o primeiro parque eólico marítimo flotante do mundo. Foi posto en marcha en outubro de 2017, en augas do Mar do Norte, en  Buchan Deep, a 25 quilómetros de  Peterhead, no concello escocés de Aberdeenshire. O parque foi construído pola empresa pública norueguesa Statoil en colaboración coa firma de enerxías renovables de Emiratos Árabes Masdar. Desde entón, é xa un exemplo a seguir.

Preto de Galicia, o primeiro parque eólico mariño flotante do sur de Europa erixirase fronte ás costas de Portugal. A encargada do proxecto é Windplus SA, unha filial de EDP Renováveis (79,4%), Repsol S.A. (19,4%) e Principle  Power Inc (1,2%). No proxecto utilizaránse plataformas  semisumerxibles, como as propostas polos investigadores da UDC, para situar sobre elas os aeroxeradores fronte á costa norte de Portugal, a 20 quilómetros de Viana do Castelo (localidade situada a uns 20 km. de Galicia) e en augas cuxa profundidade oscila entre os 85 e os 100 metros. 

Segundo EDP, esta iniciativa "constitúe un proxecto insignia no novo sector da enerxía eólica flotante e contribuirá ao desenvolvemento, a estandarización e a mellora na fabricación das plataformas flotantes modulares multimegawatt, o cal constitúe un obxectivo fundamental no marco do Plan Estratéxico Europeo de Tecnoloxía Enerxética (Plan EETE) da Comisión Europea". Dúas das plataformas fabricaranse nos estaleiros de Setúbal (Portugal), mentres que o terceiro fabricarase nos estaleiros de Avilés e o galego de Fene.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 lóstrego

Todo é posible na colonia galaica

1 os electroductados

E total para que si a lus o único que sabe e subir e subir (ESTUDOS FINANCIADOS POLAS CIAS ELECTRIZANTES) por un-ha tarifa eléctrica galega sin expaña sin todo o que nos rouba expaña! son ladrons e corruPPtos, este mes o recibo o suben 2,6 por centro outro tarifazo abusivo, outro roubo, expaña nos rouba