Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2018 | Actualizada ás 13:00
O Consello das Mareas -máximo órgano político da organización- acordará, nunha reunión este sábado en Santiago, suxerir á Comisión de Garantías e ao Comité Electoral unha data para reanudar as primarias que renoven a directiva do partido. Pretenden que sexa "antes de fin de ano" para axilizar un proceso paralizado dende o pasado 1 de decembro, tras detectarse "irregularidades" no censo. Pola súa banda, o sector crítico do partido non intervirá nesta xuntanza e acusa á coordinadora de "usurpar as funcións do Comité Electoral".
Así o avanzou, en declaracións aos medios momentos antes da reunión, o membro do máximo órgano do partido instrumental Xurxo Triñanes, quen explicou que, con todo, non serán "nin a coordinadora nin o Consello os que levanten" o veto ao proceso.
Segundo as súas palabras, as "irregularidades" detectadas, polas que xa se elaboraron dúas auditorías -unha interna e outra externa-, correspóndense con dous membros do Comité Electoral, órgano formado por maioría do sector crítico coa actual dirección, que "querían dar altas e baixas de xente que non estaba correctamente inscrita" en En Marea.
OS CRÍTICOS DESMÁRCANSE
Ademais, momentos antes de comezar o Consello, fixeron declaracións tres dos seus membros pertencentes ao sector crítico, Oriana Méndez, Paula Rodríguez e Daniel Calvete. Este último explicou que "non" ían participar na reunión "porque é unha burla e unha estafa".
"Houbo un plenario no que se tomaron unha serie de acordos que non se están cumprindo", esgrimiu, para despois denunciar que é a coordinadora, un "órgano en funcións", a que "usurpa as funcións do Comité Electoral". "Esta reunión non ten ningún tipo de sentido", remarcou.
Así as cousas, Calvete esixiu "convocar de forma inmediata as eleccións", xa que, ao seu modo de ver, "está demostrado" que "non houbo manipulacións do censo" e que "se puido votar" a fin de semana do 1 de decembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.