Democracia española dirixida 2.0: Manual do usuario

Ti es un cidadán libre, nunha das máis modernas democracias europeas, cunha Constitución que ven de facer os 40 anos (na España, un record), aínda que non é preciso que a leas nin tentes de comprendela. Es soberano e de clase media, mesmo se vives dun miserento salario social ou repartes pizzas como autónomo nunha bici, para unha empresa que nunca vaiche contratar. Tes dereito ao traballo, por acaso precario, ou nas antípodas, tal vez tipo deliveroo, pero o que é ter, telo —sempre que esteas disposto a ir onde estea o traballo, claro—.

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 19/12/2018

Comparte esta noticia
Os anti-sistema, populismos, nacionalismos, chaleques amarelos ou equivalentes, non son legais.
 
A lei é a lei, e está para cumprila, porque hai que seguir as normas que nos temos dado a nós mesmos, ou senón sería o caos. Cumpre tamén as europeas, pois se estamos no clube, hai que cumprir as súas normas; non como os Brexiteers, os italianos, e outros caóticos ou malos europeos. 
 
Sé normal; respecta a orde pública e protexe a democracia que con tanto traballo nos dimos; có antigo “vive e deixa vivir”, xa non abonda. Confórmache aos standards políticos, económicos e culturais vixentes que tí mesmo décheste por medio dos teus representantes. Coñece os novos dereitos humanos e vive conforme a eles. “Do as you are told”.
 
Fala e pensa correctamente. Celebra o que toca celebrar (sempre será o día internacional de algo). Tolerancia cero coas tropecentas e cambiantes X, E e Z fobias. Atención ao perverso gasoil, fomenta moderada pero legalmente os patinetes eléctricos, vixía até o máis indirecto indicio de posible violencia de xénero, branqueo de diñeiro, etc.
 
Consome, divírteche, excédeche, pero cumpre a lei, e non esquezas seguir as advertencias dos controis de saúde do teu móbil.
 
O teu corpo é a túa propiedade; reconfigúrao, alúgao ou úsao segundo desexes. O teu diñeiro tamén é teu, non sendo que Facenda o precise por causa do ben común. Se tes fillos, OK; pero edúcaos dentro dos cánones do sistema educativo e sempre dentro do que o asistente social e o xuíz déixenche. Cámbialle os cueiros e organiza paseos; non lle inculques valores ilegais ou incorrectos; non distingas sexos; non decidas por eles nada importante sen asesoramento oficial.
 
Quérete. Fóra da túa profesión e a túa ONG, non te involucres moito nin dependas demasiado de ninguén; se independente dos que te arrodean, aínda que non do goberno nin de Google. Se non fixeches un master oficial acaido ao caso, non tomes a iniciativa, nin sequera nun eido íntimo e persoal; “always phone an official number”.
 
Os expertos, o goberno e as institucións internacionais saben máis. “For your safety and comfort”, eles saben que é o mellor para tí a longo prazo.
 
Para a túa seguridade e comodidade, pasarás controis, pero amables, previos, indirectos e biométricos. Por causa do ben común e dos obxectivos de déficit e débeda pública, o goberno, o teu banco e a túa compañía de seguros temos que sabelo todo de ti, mesmo o teu estado de ánimo e a localización do caseto do teu can.
 
Coida o teu crédito social, pois a ameaza terrorista esixe que todo o que fagamos ou digamos quede gravado por Google. Estás vixiado a toda hora; e ti mesmo, se ves algo, denuncia; denuncia a quen evade impostos, branquea diñeiro, non pasea ao cadelo en 48 horas, fuma, ou di “mariconada” diante dos cativos... Por seguridade, para coidar o medio ambiente, protexer aos animais e evitar a violencia de xénero, é preciso que as nosas vidas sexan transparentes; debes vixiar ao teu próximo, que tamén che vixiará a tí. Pola seguridade de todos, defende esa transparencia total da nosa sociedade, aínda que, excepcionalmente, non poda aplicarse ás reunións de Bilderberg e Davos.
 
Xa sabes que TINA (“There is no alternative”). Lémbrao, difúndeo e vive feliz.—

Protesta da PAH pola sentenza da taxa hipotecaria
Protesta da PAH pola sentenza da taxa hipotecaria
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.