Por Galicia Confidencial | Vigo | 20/12/2018 | Actualizada ás 19:27
A sección segunda da sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso presentado polo Concello de Vigo e ratificou a medida cautelar de suspender o requisito do empadroamento para solicitar e obter a tarxeta PassVigo.
O xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo ditou un auto en abril no que suspendía a condición de estar empadroado na cidade olívica para poder obter este cartón, que se usa como medio de pago do bus urbano a prezo bonificado.
Esta medida cautelar fora solicitada polo Concello de Redondela, que presentou un contencioso contra o Concello de Vigo por esixir ese empadroamento (deixando fóra, por tanto, aos veciños doutros municipios, entre eles o de Redondela, a pesar de que o bus urbano de Vigo chega até a parroquia redondelana de Chapela).
O Concello de Vigo recorreu ese auto, pero agora o alto tribunal galego ratifica a suspensión acordada polo xulgado vigués, ao entender que esa medida non está fundamentada no Plan de Transporte Metropolitano, e que é "clara" a vantaxe tarifaria de usar ese cartón porque as viaxes de bus teñen prezo reducido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.