Primeira denuncia nos xulgados contra as primarias de En Marea

Manuel Nogueira, membro da Comisión de Garantías e crítico coa dirección do partido, asegura que as votacións poderían ser "ilegais" ao non contar cunha empresa independente que vele pola súa limpeza

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2018 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

Manuel Nogueira, membro da Comisión de Garantías e crítico coa dirección de En Marea, presentou unha denuncia no Xulgado de Instrución Número 3 de Ourense ante a existencia de presuntas irregularidades durante o proceso de primarias do partido instrumental. Asegura que o feito de que non se contase coa supervisión dunha empresa externa converte en "ilegal" todo o proceso, concluído o pasado luns con vitoria da lista do actual portavoz, Luís Villares; uns resultados que a candidatura perdedora non recoñece.

Manuel Nogueira, membro crítico da Comisión de Garantías. EN MAREA CARBALLIÑO
Manuel Nogueira, membro crítico da Comisión de Garantías. EN MAREA CARBALLIÑO | Fonte: Europa Press

No escrito, ao que tivo acceso Europa Press, Nogueira relata que a coordinadora do partido, a través dun documento, informou o pasado 19 de novembro á Comisión de Garantías de que a asociación Openkratio estaba contratada para actuar como "autoridade independente" para auditar o proceso de votacións. 

Porén, na súa denuncia, Manuel Nogueira reclama que se "depuren responsabilidades" dado que ten "constancia de que non existe contratación" da devandita entidade auditora e que, polo tanto, "entende que todo o proceso é ilegal ao non estar supervisado por unha empresa externa e ir en contra dos acordos plenarios (de En Marea)". Segundo expresa, pode constituír "un delito e ir contra a lei de partidos políticos".

Isto ocorre logo de que Garantías, no que os afíns á dirección de Luís Villares teñen maioría, acordara levantar a suspensión temporal que pesaba sobre o proceso de primarias. Após esta decisión, o comité electoral fixou para o día 22 o inicio das votacións. No entanto, Openkratio decidira non continuar actuando como auditora de En Marea, tarefa que desempeñaba até a pasada semana.

Segundo fontes da asociación consultadas por Europa Press, Openkratio deu un paso a un lado ao ser cambiada a plataforma de voto telemático, polo que non quixo operar como auditora no proceso de primarias ao non ter tempo para coñecer o novo sistema e, por tanto, desempeñar as súas funcións.

PRIMARIAS

A candidatura 'Coidando a Casa' liderada por Luís Villares venceu nas primarias de En Marea ao lograr case o 60% dos votos fronte ao 40% obtido pola lista do sector crítico, 'Entre Todas', encabezada por David Bruzos.

Así o reflicten os resultados provisionais que, á espera da proclamación definitiva, arroxan unha clara vitoria da lista do actual portavoz, que logrou 1.596 votos polos 1.098 da candidatura dos críticos, integrada por Podemos, Anova, EU e as mareas de Santiago, A Coruña e Ferrol.

Deste xeito, cunha participación do 58% dos arredor de 4.400 inscritos da organización, a lista de Villares copa 21 dos 35 postos do Consello das Mareas, máximo órgano de dirección entre plenarios do partido instrumental. Así mesmo, 'Coidando a Casa' tamén logra a totalidade do cinco postos da Comisión de Garantías.

Minutos despois de coñecerse os resultados das votacións, a candidatura perdedora emitiu un comunicado no que poñía en dúbida a limpeza do proceso de votación e reclamaban "unha auditoría independente" ante "indicios claros de falta de imparcialidade".

Pola súa banda, na rolda de prensa na que se informou aos medios sobre o resultado das votacións, Daniel Conde, membro do comité electoral e afín a Luís Villares, sinalou que as votacións serán auditadas por unha "entidade pública" de "recoñecido prestixio".

Segundo o calendario previsto, este mércores deberían coñecerse os resultados definitivos das primarias, aínda que o sector crítico está disposto a seguir adiante coas súas reclamacións e xa avanzou que un perito informático está a elaborar unha auditoría ante a suposta existencia de "graves fallos" de seguridade no sistema de votacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

6 artabrosur

Parvada logo de parvada....esto rematou, pra sempre, como age...o mesmo cancro...o mesmo lixo, os mesmos necios que enlaman e brincan nas leiras ata deixalas baleiras de calquer semente.... das esquerdas españoleiras era previsible...pero...Anova?? que fan aí @s que din representar a Anova...

5 Gamela

Se non houbo ninguén monitorizando o proceso de votación (agás a propia Comisión de Garantías + Medio Comité Electoral afín a Villares) poden facer calquera falcatruada impunemente... Os avisos de OpenKratio sobre como se deben monitorizar os procesos electorais para que sexan fiables parace claro que ninguén cumpriu siquera as primeiras liñas do documento https://twitter.com/openkratio/stat... ¿Por que tanta présa en votar e por que facelo sen garantía externa algunha? Veremos se o xuíz non remata sentado ante outro xuíz que poña as cousas en claro dunha puñetera vez! CERNA é experta en facer estas maniobras na escuridade...e Villares consinte e cala !!!

1 Renata

Cando o coletivo Avante presentou candidatura nunha asemblea do bng repartiuse entre votantes un papel coa candidatura oficial con Beiras a cabeza e outro papel en branco. Un valiente adalid contra Avante foi Mosquera. Que teatrada, total nin papeletas tiñan. Non sei, isto tamen e biografia de grandes persoeiros

2 Presas

Pensaba que as presas as poñían os críticos. Había que votar canto antes como fose porque "a xente" non podia agardar... Jajajaa. Patéticos. 100 anos máis de PP, por favor.

4 Bendito Chiringuito

Este Manolo Nogueira vai de sobrado ou de farol? Con notable experiencia predicando na Cope do Carballiño (a dos curas, leron ben), e xa non falemos dos tempos do cagallón na discoteca Liberty de Compostela... Con ese pasado e presente, e sendo os Baltares os máximos colocadores (a familia Bruzos, entre a clientela), imos entendendo o negocio dos que se arriman á política. Ou non?

3 Xesús Ateo Recalcitrante

Realmente, e a estas alturas, dame o mesmo calquera cousa que pase en En Marea. Pero o que si me parece moi impresentable son os intentos de Esquerda Unida e Podemos de que se cumpra a profecía; se non acadamos maioría polas boas, poremos os medios para que a profecía se cumpra, parecen pensar e facer; e o peor de todo é que Anova se preste a facer de palmero e todo este lío que se traen. Cando non hai "proxecto común" (que hai moito tempo que se deixou) non se poden establecer obxectivos comúns, porque iso acaba como parece vai rematar En Marea: estoupando.

2 Alcantarilha

Nunca pensei que o Nadal puidese ser como o Antroido...